Os deputados do Grupo Popular Ángel Rodríguez e Magdalena Pérez, acompañados do alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, visitaron esta mañá o Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude e salientaron a importancia desta formación para garantir o relevo xeracional no agro galego.
Ángel Rodríguez e Magdalena Pérez fixeron un percorrido polas instalacións do centro nas que os alumnos reciben unha completa formación agraria e forestal moi práctica e achegada ás necesidades do sector agrogandeiro galego, o que facilita a axilidade na incorporación de todos os alumnos ao mercado laboral.
Ademais deste centro de formación e experimentación agraria de Sergude, a Xunta conta con outros cinco centros espallados por toda Galicia: Guísamo, Pedro Murias en Ribadeo, Monforte de Lemos, Becerreá e Lourizán en Pontevedra. “Todos eles contan cunha excelente colaboración coas empresas do sector, que o pasado ano se traduciu na realización de prácticas dos seus alumnos en cerca de 70 empresas, o que contribuiu a que o alumnado que cursa os estudios nestes centros tivera un índice de inserción laboral próximo ao 100 por cento”, destacaron.