Os deputados do Grupo Parlamentario Popular de Galicia Magdalena Pérez e Ángel Rodríguez, acompañados do presidente do Partido Popular de Boiro, Nolo Romero, visitaron as actividades da campaña extraordinaria Boiro Xoga, onde destacaron o firme compromiso da Xunta de Galicia co impulso e a modernización do comercio de proximidade a través das axudas aos Centros Comerciais Abertos (CCA).
Esta iniciativa, promovida pola Asociación Boirense de Empresas (ABE), é a primeira que se dá a coñecer das cinco campañas extraordinarias apoiadas polo Goberno galego nesta convocatoria. Trátase de proxectos que foron recoñecidos pola súa calidade, capacidade de innovación e impacto no territorio, e aos que o Executivo autonómico destina un importe total próximo aos 100.000 euros. En termos globais, a orde de axudas da Xunta mobiliza máis de 2,35 millóns de euros para apoiar a un total de 56 centros comerciais abertos de toda Galicia.
APOIO AUTONÓMICO Á EXCELENCIA E ÁS BOAS IDEAS
Durante a visita, a deputada popular Magdalena Pérez subliñou o “potencial dinamizador” dunha campaña que, durante semanas, converte a Boiro no escenario dun xogo de mesa creado especificamente arredor das súas rúas, espazos e negocios. “Boiro Xoga demostra unha enorme capacidade para unir comercio, ocio e participación cidadá en beneficio directo dos nosos negocios locais. É unha fórmula atractiva para fixar as compras”, sinalou.
Pola súa banda, Ángel Rodríguez gabou o compoñente innovador da proposta, que combina o formato físico co dixital. A clientela poderá conseguir o xogo a través dun sistema de puntos e participar na versión en liña mediante a web da ABE ou con códigos QR. Ademais, os establecementos participantes entregarán vales de xogo por compras iguais ou superiores a 20 euros. “O apoio da Xunta a estas cinco propostas extraordinarias demostra que o Goberno galego non só financia, senón que premia e incentiva a excelencia e as boas ideas que dinamizan os nosos concellos”, concluíu o deputado popular.
IMPULSO AO COMERCIO LOCAL DE BOIRO
Pola súa banda, o presidente do PP local amosou a súa satisfacción pola calidade do tecido empresarial do concello: “En Boiro temos a sorte de contar cunha Asociación Boirense de Empresarios moi activa e que dá exemplo de emprendemento con este tipo de iniciativas tan orixinais e novidosas”. Neste sentido, puxo en valor a aposta firme que desde o Goberno galego se fai por este tipo de iniciativas que impulsan o comercio local, recoñecendo a Boiro como un dos referentes autonómicos dentro da figura dos centros comerciais abertos”, engadiu.
“Este tipo de sinerxías entre a Xunta de Galicia e o asociacionismo empresarial local trae consigo uns beneficios importantísimos para Boiro. Xerarase unha economía que fará medrar a comunidade e un Boiro máis vivo, seguro e con futuro”, concluíu.