Santiago, 3 de xuño de 2021.- O deputado do Grupo Popular José Manuel Balseiro afirmou hoxe no Parlamento de Galicia que o concurso de adxudicación do solo industrial no concello de Taboada farase público de xeito inminente neste mes de xuño.
A través deste concurso estableceranse as condicións de adxudicación do solo propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), tanto nos parques empresariais que xa se atopan á venda actualmente como os novos parques que se inician a súa comercialización.
En concreto, este concurso de venda de solo empresarial inclúe 13 parcelas correspondentes á primeira fase do parque de Taboada, cunha superficie total de 13.717 metros cadrados. As dimensións das parcelas varían entre os 727 e os 1.767 metros cadrados.
José Manuel Balseiro manifestou, ademais, que “xa se está a traballar nos correspondentes proxectos para rematar as obras de urbanización do parque empresarial de Taboada, co obxectivo de realizalas este mesmo ano”. Estas obras afectarán á zona de aparcadoiro e á zona verde do parque empresarial.
ATRACTIVA BONIFICACIÓN
O deputado popular cualificou de “moi atractiva” a bonificación do 50 por cento no prezo das parcelas en todos os parques empresariais de Lugo que ofrece a Xunta de Galicia e lamentou que, pola contra, “ningún promotor de solo empresarial dependente dun goberno socialista está aplicando bonificación algunha con carácter xeral nos seus parques galegos”.
Para rematar, Balseiro criticou que “unha das primeiras decisións que adoptou o Goberno do señor Tomé na Deputación de Lugo foi suprimir a empresa pública que se encargaba de crear solo industrial na provincia”. “Suprimiron esta empresa pública sen ningunha alternativa e deixando no limbo máis de 4 millóns de euros en parcelas industriais xa adquiridas pola Deputación e outros 5 millóns de euros pendentes de cobro”, engadiu.