O PPdeG destacou o “investimento histórico” do Goberno galego en materia de prevención e defensa contra os incendios, ao superar, este ano, os 213M€, un 18% máis que en 2025.
Os deputados do Grupo Parlamentario Popular, Magdalena Pérez e Ángel Rodríguez, puxeron, hoxe, en valor o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga), que foi actualizado pola Xunta, esta mesma semana. Durante unha visita, hoxe, ao concello de Ames, na que estiveron acompañados da portavoz do PP local, Oliva Agra, aproveitaron para achegarse a unha zona na que operarios da Xunta estaban a levar a cabo traballos de prevención.
Neste punto, fixeron referencia ás máis de 33.800 hectáreas nas que, ao abeiro deste plan, se prevé levar a cabo traballos en áreas cortalumes, creación de faixas auxiliares, melloras de pista forestais, así como tamén, queimas prescritas.
Asemade, os parlamentarios populares, visitaron o lugar de Ortoño, incluído, este ano, na lista de parroquias priorizadas no marco do convenio de xestión da biomasa entre a Consellería do Medio Rural e Seaga. Tal e como lle explicaron á veciñanza, esta incorporación supón un reforzo das actuacións con carácter preventivo, tales como a xestión da biomasa nas faixas secundarias ou o subministro de especies compatibles con estas zonas para impedir a proliferación daquelas non permitidas, co fin de que se constrúa unha franxa natural de protección dos núcleos.
UNHA NOVA APP E MÁIS MEDIOS HUMANOS E MATERIAIS
Así mesmo, referíronse ás novidades tecnolóxicas que incorpora o Pladiga e destacaron a creación dunha aplicación móbil, mediante a cal a cidadanía poida dar aviso do lume, e que estará dispoñible en xullo; o incremento nun 30% da rede de videovixilancia ata as 241 cámaras; e os tres novos drons de vixilancia de última xeración que actuarán nas zonas de máis difícil acceso. Con respecto aos medios humanos, refórzase a UDEX, a unidade especializada en grandes incendios forestais, e incorpóranse 42 novas brigadas (168 efectivos) para a tempada de alto risco. O dispositivo estará integrado por máis de 7.000 persoas durante este período.
No eido dos medios materiais, sumaranse 16 novos bulldózers, 4 novos medios aéreos e 380 motobombas e vehículos pesados.