Os deputados do Grupo Parlamentario Popular Cristina Sanz e José Manuel Mato puxeron en valor, nunha visita á sede da Asociación Española Contra o Cancro de Lugo, o investimento que a Xunta anunciou recentemente –preto de 48 M€- para a compra de varios medicamentos innovadores e de vangarda para loitar contra os cancros de mama e de ovario nos hospitais públicos galegos. “Esta potente inxección económica sitúa a Galicia á cabeza da medicina de precisión e supón un salto cualitativo na calidade de vida das pacientes”, sinalaron.
Da man do presidente da entidade, José Manuel Rozas, e do secretario, Daniel Botana, os parlamentarios puideron coñecer de primeira man o traballo diario de apoio e asesoramento que realiza a asociación. Durante o encontro, aproveitaron para trasladarlle “o compromiso prioritario e firme” do Goberno galego na loita contra a enfermidade. “A mellor forma de apoiar o inmenso labor que fan entidades como a AECC de Lugo é garantir que a sanidade pública galega ofreza sempre as solucións terapéuticas máis avanzadas e eficaces, con tratamentos máis individualizados e de vangarda”, apuntaron os deputados populares.
Neste senso, afondaron en que deses case 48 M€, arredor de 36 M€ diríxense ao tratamento do cancro de mama, que segue a ser o tumor máis frecuente entre as mulleres galegas, con 2.396 novos casos diagnosticados no ano 2023. E que case 12 M€ irán destinados a fármacos de precisión para pacientes con cancro de ovario –unha patoloxía que, en 2023, rexistrou 220 novos diagnósticos- ou de mama. “Son –tal e como salientaron- novas terapias que representan un gran avance respecto á quimioterapia convencional”.