O Parlamento de Galicia vén de aprobar unha iniciativa do Grupo Parlamentario Popular na que urxe ao Executivo central a que cumpra coa súa responsabilidade e cubra, á maior brevidade posible, as prazas médicas vacantes dos Equipos de Valoración de Incapacidade (EVI) das direccións provinciais do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS).
Tras recordar que a “competencia é única e exclusivamente do Goberno de España”, a deputada popular Encarna Amigo incidiu en que “cubrir as prazas vacantes do INSS é permitir que miles de galegos reciban a resposta que están agardando”. Neste punto, fixo referencia a que, desde 2019, produciuse un 25 % de redución destes profesionais. “En marzo de 2026 –engadiu- había en Galicia 55 postos de médicos avaliadores, pero só 38 profesionais efectivos no seu posto de traballo. É dicir, aproximadamente, un 31 % das prazas estaban sen cubrir”.
O ESFORZO DO GOBERNO GALEGO FRONTE AO DÉFICIT ESTATAL
Neste sentido, Encarna Amigo destacou que a Xunta de Galicia está a tomar medidas ante a evolución das incapacidades temporais. Como mostra diso, fixo referencia ao plan específico que puxo en marcha, en agosto de 2024, para mellorar a xestión e o control: revisáronse máis de 143.000 procesos de incapacidade temporal e realizáronse máis de 40.000 citacións presenciais.
Lembrou que o Goberno galego reforzou a dotación de recursos humanos da inspección médica coa incorporación de 18 profesionais, distribuídos polas sete áreas sanitarias. E, nesta mesma liña, aprobou o Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo 2026-2029.
Para rematar, Encarna Amigo afeou a actitude dos grupos da oposición: “Cando lle pedimos ao Goberno de España que cumpra coa súa responsabilidade, aparecen todas as escusas posibles e a súa cegueira permanente”.
MÁIS FONDOS PARA INSERCIÓN LABORAL
Por outra banda, o Parlamento de Galicia aprobou demandar ao Goberno central máis fondos para que o Goberno galego poida levar a cabo programas ou iniciativas desenvolvidas por entidades de iniciativa social para que as persoas regularizadas no proceso extraordinario poidan acceder a oportunidades laborais. “Pedimos máis flexibilidade para que Galicia poida destinar ese fondos a onde fan falta e se atendan as necesidades reais das entidades”, dixo a deputada popular Noelia Pérez, quen continuou instando ao Executivo de Pedro Sánchez a que deixe de poñer “impedimentos”.
Así mesmo, sinalou que a falta de planificación por parte do Goberno central supón un risco real de colapso administrativo e un impacto elevado nos servizos públicos autonómicos. Por este motivo, considerou imprescindible que Galicia dispoña destes fondos finalistas para que dito colectivo de persoas poida formarse e acceder con garantías ao mercado laboral galego: “A regularización debe continuar con formación, orientación e acceso a un posto de traballo”.
A deputada popular lembrou que o real decreto naceu mal desde o primeiro momento. E denunciou que a norma fose aprobada sen o necesario consenso parlamentario, sen escoitar ás Comunidades autónomas, que son precisamente as que deben integrar a estas persoas traballadoras e asumir o impacto directo nos servizos públicos.