Os populares argumentan que nos últimos anos se están dando exemplos de produtos que son comercializados coa etiqueta de ‘pescado’ cando en realidade teñen unha composición puramente vexetal
Manuel Ruiz: “Esta práctica induce a error sobre a verdadeira natureza do produto, xera confusión entre os consumidores e provoca a preocupación do sector pesqueiro polos prexuízos para os seus intereses comerciais e socioeconómicos”
O Partido Popular de Galicia levará ao Senado unha moción para esixir ao Goberno que tome medidas ante a problemática que se está dando co etiquetado como ‘pescado’ dalgúns produtos veganos e evitar así a confusión entre os consumidores e o prexuízo do sector pesqueiro.
Tal e como explica o portavoz de Pesca do Grupo Popular no Senado, Manuel Ruiz, nos últimos anos estanse dando numerosos exemplos de comercialización de produtos –como o denominado “atún vegano” ou outros alimentos comercializados como “pescado 100% vexetariano”– que, a pesar de levar a etiqueta de ‘pescado’, teñen unha composición puramente vexetal.
“Este etiquetado inadecuado das conservas de orixe vexetal induce a error sobre a verdadeira natureza e composición do produto e, como consecuencia, acaba xerando confusión e descoñecemento entre os consumidores e tamén preocupación no sector pesqueiro polos prexuízos para os seus intereses comerciais e socioeconómicos”, sostén.
De aí que na súa moción os populares insten ao Goberno de España a tomar as medidas necesarias para evitar a información confusa no etiquetado de produtos de orixe vexetal baixo a denominación de ‘pescado’, así como a promover unha modificación lexislativa a nivel europeo para reservar esta descrición de venda aos produtos pesqueiros.