O PPdeG urxe ao Goberno central a que, a través do Instituto Social da Mariña, habilite unha solución extraordinaria que permita que as mariscadoras de Camariñas que, por permanecer de baixa médica non puideron completar o período mínimo de cotización, accedan tamén ás prestacións por cesamento de actividade e queden exentas de pagar as cotizacións á Seguridade Social, mentres se prolonga a paralización da actividade marisqueira.
A deputada do Grupo Parlamentario Popular e portavoz local de Camariñas, Paula Mouzo, presentou unha proposición non de lei para advertir de que o actual sistema estatal de protección non se adapta ás particularidades do sector, o que provoca unha “dobre penalización” para aquelas traballadoras que estaban de baixa por enfermidade e cuxa resolución sufriu ademais demoras por parte do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS): “Deixouse de cotizar por elas e, como consecuencia, non puideron completar o período mínimo esixido para acceder á prestación. É dicir, quedaron excluídas por unha circunstancia allea á súa vontade”.
“Esta problemática evidencia a fraxilidade de todo o colectivo marisqueiro”, lamentou. Así, Mouzo pediu unha fórmula que evite os períodos de baixa médica penalicen ás mariscadoras á hora de cumprir os requisitos mínimos de cotización necesarios para acceder ás prestacións por cesamento de actividade.
A parlamentaria puxo, así, de manifesto “o desamparo” que sofren as profesionais a pé afectadas pola veda extraordinaria vixente durante todo o ano 2026, decretada pola falta de produtividade dos bancos de bivalvos. Mouzo lembrou que o marisqueo constitúe unha actividade esencial para as comunidades costeiras e, moi especialmente, para centos de mulleres que atopan nel o seu medio de vida.
O “BLOQUEO” DE MADRID
O PPdeG salienta que esta reclamación non é un feito illado. A necesidade de avanzar cara a un sistema específico de protección para o marisqueo a pé xa foi aprobada por unanimidade o pasado 17 de setembro no Consello Galego de Pesca –a proposta do Goberno galego e avalada por expertos das universidades de Santiago e A Coruña-. Do mesmo xeito, a propia Comisión de Pesca do Senado aprobou o 28 de abril unha moción instando ao Executivo central a eximir ás mariscadoras das cotizacións nestes contextos, computando o período como efectivamente cotizado.
Finalmente, a parlamentaria contrapuxo este “bloqueo de Madrid” cos esforzos que si se fan a nivel local e autonómico, recordando que a Confraría de Pescadores de Camariñas e a Xunta de Galicia levan sementadas máis de 1,1 millóns de unidades de ameixa desde 2022 para recuperar os bancos malia a crise produtiva; e esixiu que o Goberno de España actúe con urxencia para ofrecer unha resposta.