22 de novembro de 2022. O portavoz de Educación do Grupo Popular, Ovidio Rodeiro, fixou en pouco máis do 10 por cento as rutas de transporte escolar que recibiron queixas ao comezo do curso, problemas que xa se foron solventando ao longo de mes de setembro e comezos de outubro.
“A Xunta fixo, fai e seguirá a facer as adaptacións e axustes necesarios para a mellora da prestación do servizo de transporte escolar, poñendo especial atención nas contornas rurais que o precisan como medida de equidade”, sinalou.
Ovidio Rodeiro salientou que “Galicia vén de facer un esforzo importante coa renovación do 100 por cento dos contratos do servizo de transporte escolar, o máis amplo e potente de todo o Estado”. En concreto, Galicia conta co 4,9 por cento da poboación escolar de España, pero inviste máis do 21 por cento do total do Estado neste servizo.
CONTRATOS DO SÉCULO PASADO
“Estamos ante a implantación e renovación de todos os contratos do transporte escolar e do transporte interurbano, que eran do século pasado”, manifestou o portavoz popular. Así, dixo que a Xunta gasta máis de 120 millóns de euros por curso escolar neste servizo, totalmente gratuíto e que beneficia a máis de 80.000 alumnos galegos, que representan arredor do 40 por cento do alumnado do ensino obrigatorio. En total, existen máis de 3.800 rutas con máis de 20.500 paradas.
O portavoz popular dirixiuse a BNG e PSdeG para pedirlles que “tomen conciencia da dimensión que supón a renovación de todos os contratos, que permite unha ampliación sen precedentes no transporte en Galicia”. Neste sentido, demandou que “non poden calar, como calan sempre, cada vez que o Goberno de Pedro Sánchez reparte fondos e non contempla os custes da dispersión do sistema educativo na Comunidade galega”.
Respecto da queixas recibidas este ano por problemas no transporte escolar, Ovidio Rodeiro explicou que se recibiron arredor de 330 escritos, que afectaban a un total aproximado de 166 rutas de transporte. “Tendo en conta que o total de rutas licitadas achegouse ás 1.600, a porcentaxe de rutas das que se recibiron queixas foi dun 10 por cento, aproximadamente”, indicou.
Estas queixas foron reportadas ás empresas adxudicatarias para a corrección dos incumprimentos e foron subsanadas na súa meirande parte ao longo do mes de setembro e comezos de outubro.