Raquel Touriño anima ás formacións locais populares a que “se convertan en axentes sociais que dean solucións”
O Partido Popular de Galicia adianta que incorporará o seu “proxecto común” en materia de igualdade en cada un dos “313 obxectivos municipais” que se marca nas eleccións do vindeiro ano.
Así se sinalou durante a celebración dunha reunión, esta semana, da Comisión Permanente de Igualdade do PPdeG, presidida pola vicesecretaria da materia, Raquel Touriño, quen apuntou que ese “proxecto común” se incorporará nas medidas que cada un dos municipios presentará nos comicios locais.
“Esixiremos que as formacións populares se convertan en axentes sociais, que dean solucións aos veciños e veciñas dos seus concellos, de xeito que, por exemplo, cheguen a todos os programas que está a realizar a Xunta”, sinalou.
Touriño definiu esta Comisión como un “laboratorio de ideas” que lle poidan axudar ao PPdeG a levar “políticas útiles” en materia de igualdade á sociedade galega en xeral.
“Na reunión fixemos un seguimento das actividades que puxemos en marcha e engadimos algunha das cuestións que afectan ás mulleres e outros colectivos hoxe en día”, explicou.
RECTIFICACIÓN DE CARMELA SILVA E DO PSDEG
Por outra banda, a Comisión de Igualdade tamén abordou a actitude da presidenta da Deputación de Pontevedra e presidenta do PSdeG, Carmela Silva, coa delegada territorial da Xunta e presidenta do PP de Vigo, Marta Fernández-Tapias, durante a foto de familia dun acto na cidade olívica.
Neste sentido, a Comisión pediu unha rectificación tanto á propia Carmela Silva como a Partido Socialista de Galicia, dado que se trata dunha situación que “non se pode volver a repetir”.
“Desde aquí esiximos unha resposta clara”, dixo Raquel Touriño, quen incidiu en que “non pode ser que se estea traballando para que as mulleres sexan referentes nesas fotos, que non estean ninguneadas, e que veña Carmela Silva a querer borrar e ningunear a unha compañeira”.
“Unha compañeira líder, aínda que estea nas antípodas ideolóxicas, merece todo o respecto á hora de traballar, sexa no campo político ou no campo administrativo”, concluíu.