O Partido Popular de Galicia insiste na súa demanda ao Goberno central de poñer en marcha cinco xulgados específicos de violencia de xénero nas cidades galegas, tal e como se comprometera a facer Pedro Sánchez.
A través dunha moción rexistrada na Comisión de Xustiza do Senado, os populares galegos recordan a “reivindicación” conxunta do Goberno galego co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de crear estas unidades xudiciais nas cidades de Pontevedra, Ferrol, Ourense, Santiago e Lugo.
A portavoz de Xustiza do Grupo Popular e senadora pola provincia de Pontevedra, Pepa Pardo, recorda ademais que esta demanda formou parte do acordo de investidura, convertido en “papel mollado”, asinado entre o BNG e o PSOE para facer presidente a Pedro Sánchez.
“Estamos ante un novo desprezo do Goberno central a Galicia coa complicidade dun BNG que é incapaz de esixir o cumprimento daquilo polo que lle deron o poder a Sánchez”, explica a senadora popular subliñando que tan só unhas semanas despois da sinatura do pacto de investidura, o propio Goberno confirmou que entre as unidades xudiciais aprobadas para o ano 2024 non aparecían estes xulgados.
“O señor Besteiro asegurou que este ano xa iamos contar con tres destes cinco xulgados, nas cidades de Ourense, Santiago e Lugo. Pero o ano está a piques de rematar e eses xulgados nin están nin se lles espera”, critica.
A VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES, UNHA LACRA NA NOSA SOCIEDADE
Con motivo da conmemoración do Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, desde o PPdeG remarcan que esta é unha das grandes lacras da nosa sociedade e insisten na necesidade de poñer todos os medios posibles ao alcance das administracións para poder combatela de xeito eficaz e eficiente.
Recordan así mesmo que en Galicia se presentaron o pasado ano 7.500 denuncias por violencia de xénero, o que supón un 7% máis que no ano anterior. “Ante o aumento da violencia contra as mulleres, o que fai Pedro Sánchez coa súa negativa a crear estes xulgados é desprotexelas”, apunta Pardo.
“Xa está ben de facer feminismo de pancarta e de instrumentalizar ás mulleres. É o momento de cumprir co que Galicia merece e necesita”, conclúe.