O PPdeG urxiu ao Goberno central a que cumpra co acordo acadado, esta mesma semana, no Parlamento de Galicia, relativo a exonerar das cotas á Seguridade Social ás profesionais do marisqueo.
Os deputados do Grupo Parlamentario Popular, Nazareth Cendán e Jesús Fernández, reclamaron que, de xeito inmediato, o Executivo de Pedro Sánchez asuma as súas obrigas e rache a situación de inxustiza na que se atopan estas traballadoras, respecto a outros sectores que contan con mecanismos de protección antes causas de parálise de actividade.
Os populares consideran que o Goberno central, “aínda que chega tarde”, está a tempo de emendar o desleixo amosado cara as profesionais do mar, ao non ter mobilizado nin un só euro, a diferenza da Xunta, dixeron, que destina 23M€ a un plan de recuperación do sector.
OBRAS NO PORTO DE MIÑO
Durante unha xuntanza coa Confraría de pescadores de Miño, e acompañados pola portavoz do PPdeG local, Fátima Blanco, abordaron o inicio, previsto para este mes de maio, das obras de dragaxe que se levarán a cabo no porto de Miño.
Uns traballos, salientaron, de grande importancia para a actividade da zona, xa que, ao recuperar os calados, mellorarán a operatividade da dársena. Actuarase nunha superficie de 8.000 metros cadrados e o volume estimado de dragado é de 15.000 metros cúbicos.
Explicaron que os traballos de dragado tamén se estenderán aos portos de Barallobre e Pontedeume. O investimento total nos tres portos ascende a 1,3M€.