Santiago, 9 de febreiro de 2021.- A deputada do Grupo Popular Marta Rodríguez-Vispo lamentou hoxe que “a cerrazón dos deputados socialistas galegos privaran dun acordo no Pleno do Parlamento solicitando que a Xunta incremente, se é necesario, o persoal de enfermería contratado para a campaña de vacinación contra a Covid-19, facilite información á Cámara sobre o plan de vacinación en Galicia, combater a aplicación indebida de vacinas ou garantir que o reparto de vacinas sexa proporcional á porcentaxe de poboación en cada comunidade autónoma dos grupos prioritarios.
Marta Rodríguez-Vispo afirmou que desde o PPdeG “estaremos sempre a favor da correcta administración das doses, como estamos a favor de garantir que o reparto de vacinas en todas as comunidades autónomas sexa proporcional aos grupos prioritarios da poboación, garantindo desta forma a aplicación debida”.
NEGATIVA SOCIALISTA
En concreto, a deputada popular lamentou que os socialistas se negaran a aceptar a votación por puntos da súa moción, privando de que o Pleno do Parlamento aprobara solicitar á Xunta:
1. Incrementar o persoal de enfermería contratado para a campaña de vacinación, en previsión do aumento de volume de vacinas dispoñibles nas vindeiras semanas e a crecente dificultade na operativa de vacinación nas seguintes fases, para evitar a desatención doutras áreas asistenciais no caso de reorientar persoal.
2. Realizar un informe completo sobre as primeiras fases (I e II) do plan de vacinación, que inclúa o número exacto e distribución detallada dos perfiles aos que lle foi subministrada.
3. Sumarse ás iniciativas e acordos que se poidan desenvolver a través do Consello Interterritorial para combater contra a aplicación indebida de vacinas.
Ademais, a moción incluía que o Parlamento de Galicia manifestara o seu rexeitamento cara todas as aplicacións indebidas de vacinas polas que determinadas persoas aproveitaran as posicións de influencia para recibir as súas doses, en substitución doutras persoas ás que lle correspondese segundo os plans de vacinación establecidos.