13, abril, 2020. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, pediu á oposición que deixe de xerar incerteza con mentiras e de poñer en dúbida o sistema sanitario galego e solicitoulles novamente responsabilidade e lealdade institucional.
Así, con respecto ás declaracións de Gonzalo Caballero sobre os test rápidos enviados a Galicia polo Goberno central, o número dous dos populares galegos incidiu en que son os propios microbiólogos os que dubidan da súa fiabilidade e utilidade clínica e os que consideran que sería necesaria realizar unha proba complementaria de PCR.
O secretario xeral do PPdeG instou a Caballero a que se preocupe máis en defender un diagnóstico adecuado para os galegos que en defender os intereses do Goberno de España: “É curioso que o que ao socialista Javier Lambán non lle vale para Aragón ao socialista Gonzalo Caballero si lle vale para Galicia”. Neste punto, Tellado engadiu que, mentres Lambán é un presidente e está a velar pola saúde dos seus cidadáns, Gonzalo Caballero é “un candidato irresponsable que unicamente vela pola saúde do seu partido”.
Así mesmo, Tellado afeou a actitude do secretario xeral do PSdeG, por ser o único dirixente político que segue a dicir que está encantado coa xestión de Pedro Sánchez. E instouno a que utilice o seu cargo e o seu carné de afiliado para lograr que o Goberno central mellore a súa resposta a esta crise: “Parece que quere que o Comité federal do PSOE o nomee socialista do mes”.
Do mesmo xeito, o número dous do PPdeG criticou a actitude do portavoz de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, por pretender confundir á cidadanía con falsidades. Así, dixo que desde Galicia véñense facilitando publicamente todos os datos de falecidos, tanto dos centros sanitarios como das residencias. Neste punto, salientou que son datos aos que ten acceso todo o mundo, pois están colgados na páxina web sobre o COVID-19 que a Xunta de Galicia puxo a disposición da cidadanía.
Para Tellado, mensaxes como as do secretario xeral dos socialistas galegos e as do portavoz de Galicia en Común son inaceptables, xa que faltan á verdade e intentan, ademais de xerar desconfianza no sistema sanitario galego, menoscabar o encomiable labor de todos os profesionais deste eido.