Os deputados do Grupo Popular Noelia Pérez e Argimiro Marnotes visitaron hoxe, en compañía da alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Nóvoa, as obras de construción do novo Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia que a Xunta está a realizar na parcela 3E da Tecnópole e demandaron que o Goberno de España localice neste espazo o futuro Centro Nacional de Ciberseguridade, tendo en conta a existencia na Comunidade galega dun sólido ecosistema empresarial e de formación e investigación nesta materia.
Noelia Pérez e Argimiro Marnotes lembraron que o futuro Centro que se está a levantar no polígono industrial de San Cibrao acollerá os sistemas de monitorización e xestión da ciberseguridade en Galicia, en coordinación co Centro Criptolóxico Nacional e co Institito Nacional de Ciberseguridade.
REFERENTE NACIONAL E INTERNACIONAL
“Queremos que Ourense se converta non só na capital galega da ciberseguridade, concentrando aquí os recursos a disposición da Xunta, dos concellos, das deputacións, das universidades, dos centros tecnolóxicos e de innovación, e do sector privado que presta estes servizos, senón que o Goberno central recoñeza o bo traballo que se leva a cabo e se decida tamén por Ourense como a sede do futuro Centro Nacional de Ciberseguridade”, sinalaron.
Os deputados populares lembraron que esta demanda é unha das resolucións aprobadas onte no Debate sobre Política Xeral celebrado esta semana no Parlamento de Galicia, unha proposta que saíu adiante co voto favorable de todos os grupos parlamentarios.
“A localización do futuro Centro Estatal de Ciberseguridade en Ourense situaría á nosa provincia como un referente neste ámbito non só a nivel nacional, senón tamén internacional, contribuíndo a un desenvolvemento máis equilibrado do país, á cohesión territorial e á redución da brecha dixital entre as rexións”, afirmaron.