Santiago, 7 de maio de 2019.- O portavoz de Educación do Grupo Popular, César Fernández Gil, demandou hoxe no Pleno do Parlamento que o Goberno do Estado habilite o financiamento para o ensino galego, de acordo co previsto na Lei de mellora das condicións para o desempeño da docencia e a ensinanza no ámbito da educación non universitaria, como paso previo a que se poida adoptar a decisión máis acaída respecto dos horarios do persoal docente.
No debate dunha moción do Grupo Socialista sobre recuperar os horarios do persoal docente non universitario anteriores ao regulado nas ordes do 23 de xuño de 2011 e do 4 de xuño de 2012, César Fernández lembrou que “a propia norma estatal aprobada polo Goberno socialista dispón, na dúa disposición final primeira, que ‘coa finalidade de facer efectivas as previsións contidas nesta lei por parte das administración educativas, a Administración Xeral do Estado establecerá un marco de financiamento adecuado e suficiente”.
“Polo tanto, e lonxe do que pretenden os socialistas galegos, parece razoable esperar a que o Goberno do Estado estableza ese marco de financiamento adecuado e suficiente que prevé a lei estatal para tomar, no seu caso, as medidas dirixidas á docencia que en función da dita financiación resulten procedentes”, manifestou o portavoz popular.
César Fernández asegurou que “non vale o de eu invito e ti pagas que pretenden os socialistas galegos”, e afirmou que no PPdeG “somos máis de que cando un invita, como neste caso o Goberno do Estado, paga, e máis cando así o recolle a propia ferramenta lexislativa”.