Os senadores do PPdeG presentaron unha batería de preguntas ao Goberno de Sánchez pedindo polo déficit de novas unidades xudiciais en Galicia respecto doutras comunidades autónomas como Cataluña.
Os populares fan referencia ao anuncio do pasado 26 de xaneiro do ministro de Xustiza, Félix Bolaños, que adiantou a creación de 500 novas unidades xudiciais, das cales só 19 corresponden á nosa Comunidade. Isto, que no foi consultado previamente á Comisión Mixta do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, implica só un 3,8% do total, co que non se respecta o criterio poboacional.
Por este motivo, coa senadora Pepa Pardo á cabeza, o PPdeG reclama explicacións polo verdadeiros motivos sobre este “novo agravio a Galicia”, mentres que Cataluña, por exemplo, recibirá o 19%. Ademais, pregúntanse “a que criterios concretos obedece a non creación de prazas xudiciais en concellos como Vilagarcía de Arousa, Ponteareas, Viveiro, Sarria ou Carballo”, que teñen necesidade das mesmas.
Así mesmo, lamentan que non se atenda a petición da creación dunha praza de maxistrado na Sección 6ª da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, “a pesar do nivel de atrasos que presenta”; ou dunha segunda praza no Xulgado do Mercantil en Vigo.
“Como se vai liquidar o prexuízo ocasionado coa creación das seccións de Violencia sobre a Muller na Coruña e Vigo á custa dos xulgados de instrución destas cidades? Porque as novas prazas de instrución arrincarán sen expedientes en ambos lugares”, cuestiónanse desde PPdeG.
Por último, preguntan tamén ao Goberno central se pensa crear unha praza de maxistrado na Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e se a reposta é negativa, a que se debe.
NOVAS PRAZAS PARA XUÍCES E FISCAIS
Por outra banda, en xuño de 2025 o ministro de Xustiza anunciou a creación de 1.440 novas prazas para xuíces e fiscais, en toda España, ata 2027. Ditas prazas cubriríanse mediante a convocatoria anual de 360 prazas por oposición e 120 pola vía da cuarta quenda.
Pero o pasado 1 de novembro, o BOE publicou a convocatoria de só 200 —120 para xuíces e 80 para fiscais— das 360 anuais anunciadas. Por iso, entre outras preguntas, Pepa Pardo quere saber tamén “por que o Goberno de Sánchez incumpriu o seu compromiso”.
En definitiva, Pardo solicita resposta urxente a todas e cada unhas das preguntas formuladas: “En Galicia temos as prazas xudiciais cun volume de entrada de asuntos moi superior ao módulo fixado polo Consello Xeral do Poder Xudicial. Precisan de novos titulares e as medidas propostas son totalmente insuficientes”.