O PPdeG reivindicou o firme compromiso e o liderado da Xunta de Galicia no impulso e a construción de vivenda pública de calidade e accesible. Fíxoo tras o fallo, esta mesma semana, do concurso de ideas para o deseño de 140 novos fogares de promoción pública que o Goberno galego construirá en Ames, concretamente nun ámbito de máis de 4.400 metros cadrados en solo cedido polo municipio na zona de Galdrachán.
Durante unha visita recente aos terreos para poñer en valor esta importante nova, os deputados do Grupo Parlamentario Popular Magdalena Pérez e Ángel Rodríguez, acompañados da portavoz do PP local, Oliva Agra, puideron analizar o impacto deste proxecto: unha actuación conta cun valor estimado de 1,4 M€, entre o certame e os contratos vinculados de redacción de proxecto e dirección de obra. Os populares enxalzaron a excepcional calidade e creatividade das 121 propostas recibidas para deseñar estes edificios, e recoñeceron o talento do sector para deseñar espazos polivalentes, cómodos e adaptados ás novas formas de habitar.
Para a deputada popular Magdalena Pérez, este fito é unha proba irrefutable de que “Galicia é hoxe un exemplo e un referente na construción de vivenda pública digna, flexible e altamente eficiente”. A parlamentaria destacou que o obxectivo prioritario da Xunta é “pensar nas persoas para crear fogares que se integren coa súa contorna”, ofrecendo solucións habitacionais modernas e accesibles que contribúan a fortalecer o tecido comunitario e mellorar o benestar diario da veciñanza.
Pola súa banda, o deputado Ángel Rodríguez remarcou “a importante e necesaria” colaboración de todas as administracións, de xeito especial os concellos, para dar unha resposta áxil á demanda actual. Así mesmo, puxo en valor que esta actuación en Ames se suma a outros ambiciosos concursos de ideas activados polo Goberno galego en Santiago e A Coruña para vivendas, aloxamentos compartidos e residencias xuvenís, demostrando que “a verdadeira política de vivenda se demostra con planificación, investimentos reais e feitos que transforman os nosos concellos”.
Para a portavoz local, a construción de novas vivendas de promoción pública no Milladoiro é unha excelente noticia para o municipio. “Como veciña, alégrame de que se dean pasos para facilitar o acceso á vivenda, especialmente á xente nova e ás familias que queren vivir aquí”. “O Milladoiro –engadiu- necesita seguir medrando, pero tamén ofrecer oportunidades para que os seus veciños poidan desenvolver aquí o seu proxecto de vida”.