O Partido Popular de Galicia pregunta ao Goberno central sobre as súas intencións de substituír os trens do Eixo Atlántico por outros de menor número de prazas e cunha velocidade máis limitada e demanda que, no seu lugar, mellore as condicións de prestación dos servizos nesta liña ferroviaria.
A través dunha pregunta parlamentaria que os deputados do partido no Congreso veñen de rexistrar e da que desexan obter resposta por escrito, os populares galegos fanse eco así das consecuencias que tería un acordo entre Renfe e a Generalitat de Cataluña e que se traduciría no futuro traslado a Cataluña de seis trens que actualmente operan no Eixo Atlántico e a súa substitución por “un número indeterminado de trens máis antigos e de menor capacidade”.
No escrito explícase que o modelo de trens que serían trasladados conta con 282 prazas, fronte ás 256 e as 185 dos convois cos que o Goberno pretende cubrilos. Unha redución significativa da capacidade total á que se une o feito de que a velocidade máxima destes novos trens tamén será inferior, xa que en lugar dos 250 km/h que chegan a alcanzar os actuais, os novos estarán limitados a 200 km/h.
“Nada temos que obxectar a que se mellore o material móbil que opera en toda España e por suposto en Cataluña, pero desde logo parécenos inaceptable que para iso se vexa prexudicada unha das liñas ferroviarias con maior demanda como é a do Eixo Atlántico”, argumenta o deputado galego e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Congreso, Celso Delgado.
Neste sentido recordan que os servizos de media distancia A Coruña-Santiago-Vigo están entre os cinco máis importantes de España en termos de viaxeiros e prazas ofertadas e que “o que necesita este corredor ferroviario son máis prazas, máis frecuencias, mellor puntualidade e menos incidencias, non peores condiciones do material móbil”.
Así, os populares piden información sobre “a verdadeira situación e os plans de futuro” do Goberno central, ao tempo que lembran que a Xunta leva meses demandando un interlocutor con Renfe para tratar os asuntos ferroviarios que afectan á Comunidade, sen pronunciamento polo momento desde a outra parte.