O Partido Popular de Galicia, a través de varios deputados galegos no Congreso, presentou este xoves unha batería de cinco preguntas dirixidas ao Goberno de España acerca do recoñecemento do “deplorable estado” das estradas da comunidade e sobre posibles plans de rehabilitación das vías tras o tren de borrascas.
Segundo o comunicado dos populares, tamén instaron ao Executivo central a responder se se van facer cargo dos gastos de reparación referidos aos danos materiais sufridos polos vehículos e atribuídos ao “mal estado” do firme.
A pesar de recoñecer os “esforzos inxentes” das empresas dedicadas á conservación fronte aos temporais que azoutaron Galicia nos últimos meses, o PPdeG advertiu que a situación das estradas estatais xa era “moi deficiente” previamente.
Así mesmo, insistiron en que as imaxes de picadas, socavóns ou carrís cortados en vías que atravesan a comunidade galega e a conectan con outras limítrofes “sucédense nos medios de comunicación das catro provincias todos os días”.