O viceportavoz 3º do Grupo Parlamentario Popular, Roberto Rodríguez, presentou, hoxe, as emendas parciais que os populares rexistrarán ao proxecto de Lei de orzamentos para 2027 e á Lei de Acompañamento; un paquete no que destaca a proposta para establecer unha moratoria temporal, dun máximo de dous anos, de todos os procedementos necesarios para poder autorizar novas plantas de biogás que realicen operacións de tratamento de residuos.
Segundo detallou, esta suspensión aplicarase mentres a Xunta non elabore e aprobe unha planificación propia e específica destas instalacións, no marco do Plan de Residuos Industriais de Galicia, que ordene “onde, como e baixo que requisitos ambientais e territoriais” se poden implantar. “O aproveitamento do biogás é unha oportunidade para tratar residuos orgánicos de xeito sostible e producir enerxía renovable”, pero, segundo afondou, o seu desenvolvemento ten que facerse “con sentido común, de maneira ordenada e equilibrada co territorio”.
En termos prácticos, a moratoria afectará, tamén, ás ampliacións importantes das instalacións existentes e aos expedientes xa en tramitación sen aprobación definitiva, detendo o procedemento sen que as empresas perdan as xestións xa avanzadas. A suspensión levantarase en canto se aprobe o referido plan ou ao cumprirse o prazo máximo de dous anos.
Roberto Rodríguez explicou que a medida contempla unicamente dúas excepcións: as pequenas plantas ligadas a unha explotación agraria ou gandeira que traten exclusivamente os seus propios residuos, e as instalacións imprescindibles para o servizo público de xestión de residuos urbanos ou de depuración de augas residuais. Con esta emenda, asegurou, o PPdeG achega “seguridade xurídica”, “máxima protección ambiental” e unha resposta responsable e directa “á inquietude social”.
OUTRAS MELLORAS TÉCNICAS E AXILIZACIÓN DE TRÁMITES
Xunto á moratoria, o deputado popular indicou que o resto das achegas buscan “facilitar a vida aos cidadáns, axilizar trámites e adaptar as nosas normas á realidade galega”. Neste senso, destacou as emendas que introducen novas facilidades para poñer en marcha vivenda pública e protexida coa máxima celeridade; para adaptar a lexislación galega á normativa europea de simplificación administrativa; e, tamén, para axustar a Lei de taxas de Portos de Galicia á singularidade do sector profesional pesqueiro e náutico recreativo.
INVESTIGACIÓN POLA PRESUNTA FRAUDE NAS PULSEIRAS ANTIMALTRATO
Por outra banda, Roberto Rodríguez referiuse á investigación iniciada pola Fiscalía Europea ao Goberno de España por un presunto fraude con fondos comunitarios na contratación das pulseiras antimaltrato. Unha cuestión que cualificou de “extrema gravidade”: “Estamos ante a sospeita fundada de que puido haber un negocio ilícito e un desvío de fondos europeos a costa da seguridade e a vida das mulleres vítimas de violencia de xénero”.
O deputado popular considerou “absolutamente repugnante” que un Executivo “que se envolveu na bandeira do feminismo para dar leccións morais teña agora á UCO rexistrando papeis no seu Ministerio de Igualdade”. Ao seu xuízo, repítese o patrón do sanchismo: “Moita propaganda e moita pancarta en público, pero, por detrás, contratos baixo sospeita, irregularidades millonarias e unha desprotección real para quen máis precisa do amparo das institucións”.
Unido a isto, Roberto Rodríguez fixo referencia ás advertencias do Tribunal de Contas sobre graves deficiencias na contratación e seguimento deste sistema en 2018, 2021 e 2023, así como tamén á incidencia de 2025 que deixou sen xeolocalización a preto de 4.500 mulleres durante trece horas. En Galicia, segundo advertiu a Fiscalía Superior na súa memoria de 2026, rexistráronse incidencias relevantes nos 198 dispositivos activos, especialmente en pequenas localidades e nas zonas fronteirizas con Portugal.
Por iso, o PPdeG, a través dunha iniciativa no vindeiro pleno, esixirá ao Goberno central transparencia total, a publicación das auditorías de 2024 a 2026, un plan específico coordinado coa Xunta para corrixir os fallos de cobertura, a substitución inmediata dos dispositivos defectuosos e sancións disuasorias