Santiago, 6 de abril de 2021.- A deputada do Grupo Popular Elena Suárez reiterou hoxe “o compromiso da Xunta” coas persoas mariscadoras da ría do Burgo e reiterou a disposición do Goberno galego de aportar 100.000 euros do orzamento de 2021 para artellar un plan social que palíe as perdas que este colectivo sufra pola falla de actividade durante a execución da dragaxe desta ría.
“Esta aportación deberá complementarse coas achegas dos concellos beneficiarios e do propio Goberno de España, ata acadar a cifra de un millón de euros”, apuntou.
Elena Suárez manifestou que, unha vez licitada a obra de saneamento da ría do Burgo por parte do Goberno central, “agora a prioridade debe ser o deseño dun plan social, para o que a Xunta xa fixo hai anos unha proposta de negociación ante a que ninguén respondeu”.
RECOLLIDA E REPOSICIÓN DE SEMENTE
“Diante deste silencio, a Xunta dispón de 100.000 euros nos seus orzamentos para 2021 de cara a artellar un plan social que palíe as perdas dos mariscadores e mariscadoras da ría do Burgo durante a súa dragaxe”, concretou a deputada popular.
Así mesmo, demandou ao Goberno central o compromiso para que os traballos de recollida e reposición de semente sexa executado por parte das persoas mariscadoras asociadas á Confraría de A Coruña, artellándose a fórmula legal de encomenda que sexa necesaria.
Elena Suárez pediu, por último, que a Universidade de A Coruña realice, en colaboración co Intecmar, estudos de seguimento e control da obra de dragaxe da ría do Burgo en relación á calidade das augas e o estado final dos bancos marisqueiros.
A deputada popular criticou que o BNG e o PSdeG “pretendan que se financie con fondos de todos os galegos actuacións que son competencia exclusiva do Goberno central”, polo que considerou necesario que o Goberno de España, ademais de levar adiante as obras de dragaxe, tamén participe no fondo social de axuda aos mariscadores e mariscadoras.