O PPdeG reivindica en Ourense a filosofía de “ir a por máis” de cara ás eleccións municipais de 2027. Así o remarcou a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado durante a Xunta Directiva do PP provincial, onde pediu aos populares ourensáns un “plus” de esforzo de cara a este reto electoral. Tamén aproveitou para reiterar os parabéns a Ana Méndez Gil, nomeada candidata do PP á Alcaldía da cidade nun acto celebrado este sábado en Santiago de Compostela, no que tamén se presentaron todos os candidatos das capitais de provincia españolas.
Nesta xunta directiva, os populares puxeron en valor as 54 alcaldías que ostenta o PP de Ourense, así como a necesidade de “traballar sen descanso” para que o próximo ano sexan máis. Neste sentido, os populares urxiron outros dous retos: recuperar a maioría absoluta na Deputación de Ourense e ser decisivos na capital. Para a secretaria xeral do PPdeG, a unidade do PP en provincias como Ourense é clave para gañar eleccións “con boa política, con estabilidade e cos pés postos no terreo”.
Neste sentido, Paula Prado insistiu na importancia de “estar moi preparados, porque o señor Sánchez é quen vai decidir cando lle convén ir ás urnas. E de fronte tennos que atopar a nós. Ao Partido Popular. A única alternativa válida, sólida e unida”.
Enxalzou ao PPdeG como o partido preferido pola maioría dos galegos e galegas, que en territorios como a provincia de Ourense “demostra aínda máis porque a xente nos elixe nas urnas, porque Ourense sabe moi ben o que quere e, sobre todo, o que non quere”. Neste punto, destacou o traballo do Goberno galego a prol das preocupacións dos ourensáns, facendo referencia a que hoxe mesmo, o presidente autonómico, Alfonso Rueda, anunciou en Ourense a licitación do proxecto da ronda este, con case 13 millóns de investimento para favorecer a mobilidade da cidade e da área metropolitana.
Pola contra, fronte ao Goberno galego que cumpre e que queren os galegos e galegas, a número dous do PPdeG insistiu en que o que non queren os ourensáns é “nin espectáculos, nin minipartidos, nin o ‘non’ do BNG nin a corrupción do PSOE”. Neste sentido, foi especialmente crítica co independentismo galego, xa que “só saben pregoar todo o que queren a Galicia, pero despois en Madrid son os socios e cómplices de Sánchez e do Goberno máis corrupto da historia de España”.
Por outra banda, afeou que os de Ana Pontón intenten “boicotear” as institucións que defenden os intereses de Galicia, como é o caso da Valedoría do Pobo, xa que volveron presentar como candidato á adxunto á Valedoría a un activista da eólica. “Non imos tolerar que se boicotee e se xogue coa independencia dun organismo que representa a todos os galegos e galegas”, insistiu Prado, polo que lembrou que de continuar esta situación, o PPdeG terá que explotar outras vías para poder designar este cargo e desbloquear o que ten paralizado o BNG.
Respecto aos socialistas, sinalou que “o que menos queremos para Galicia é a un partido coa corrupción no seu ADN. Porque a axenda xudicial das cloacas do PSOE está chea”.
SEGUNDO ANO DE MANDATO DE LUIS MENOR
A Xunta Directiva coincide co aniversario do segundo ano de mandato de Luis Menor á fronte do PP na provincia. “Un bo momento para facer balance do camiño percorrido”, dixo, aínda que puxo énfase en que, tras o período estival, comeza unha etapa de “máxima importancia política” coa última parte da carreira cara ás eleccións locais de 2027, para o cal o de Ourense “ten que estar perfectamente organizado e preparado”.
Neste sentido lembrou os 32 congresos locais celebrados e as 16 xestoras aprobadas -Coles e Vilar de Barrio na reunión de hoxe-, dando conta así dun dos seus grandes obxectivos: “A consolidación territorial do partido coa actualización constante das agrupacións locais na provincia”.
Insistiu nos tres grandes retos para 2027: superar as 54 alcaldías actuais do PP na provincia; recuperar a maioría absoluta na Deputación; e ser decisivos na capital. Neste último punto tivo palabras para a candidata, Ana Méndez, á que felicitou pola súa nova responsabilidade e á que pediu traballar para conseguir tres desafíos clave: lograr a máxima unidade do PP na capital, a mellor lista de persoas verdadeiramente comprometidas e ofrecer o mellor proxecto de cidade.
Menor pediu “tesón e entrega para conseguir que tamén sexamos o partido máis votado tanto en Galicia como no resto do Estado”. Segundo Menor, gañar coas mellores porcentaxes de apoio “supón un plus incontestable de lexitimidade”.
Para o líder dos populares ourensáns, nestes dous anos á fronte do PP “demostramos capacidade de xestión, renovación e dinamismo social”. Pero non hai tempo para o conformismo: “Temos porcentaxes históricas de apoio que nos avalan, pero cómpre renovar, e unha estrutura territorial unida á metade do seu camiño”.
ANA MÉNDEZ: “VOU DEIXAR A PEL POR OURENSE”
A candidata do PP á alcaldía da cidade de Ourense, Ana Méndez Gil, tamén interviu na reunión para asegurar que a súa candidatura nace cunha convicción moi clara: “Ourense merece moito máis. Merece un goberno que planifique e non improvise, que resolva os problemas da xente e que poña sempre a cidade por diante das escusas, do ruído, do espectáculo e dos intereses persoais.”
A candidata popular explicou que dá este paso “para construír o futuro de Ourense” e para abrir “unha nova etapa baseada na planificación, na ilusión e na confianza”. “Creo nunha cidade orgullosa de si mesma, que recupere a ambición e volva ocupar o lugar que lle corresponde en Galicia. Vou deixarme a pel por Ourense porque estou convencida de que pode volver avanzar”, afirmou.
Méndez Gil concluíu cun chamamento á unidade e á implicación de todo o Partido Popular para afrontar o reto das próximas eleccións municipais. “Temos equipo, temos proxecto e temos a determinación necesaria para abrir unha nova etapa. Porque o futuro de Ourense non se espera, constrúese. E ese futuro empezamos a construílo hoxe, xuntos”, rematou.