Santiago, 18 de xaneiro de 2018.- O Grupo Popular rexeitou hoxe no Parlamento, tal e como solicitaba En Marea, o traslado da locomotora coñecida como Sarita desde o seu actual emprazamento na Fundación Camilo José Cela en Padrón á antiga instalación de ferrocarril de Vilagarcía.
A deputada popular Teresa Egerique salientou “a incuestionable relación desta locomotora coa localidade de Padrón” e manifestou que atender a solicitude de En Marea sería “espir un santo para vestir outro, porque Sarita tivo e ten unha importancia social moi relevante na comarca padronesa”.
“A vinculación desta locomotora con Padrón é evidente porque formou parte do parque móbil de The West Galicia Railway Company, onde traballou como xerente John Trulock, avó do premio nobel galego, ademais de que a Fundación de Ferrocarriles Españoles, propietaria da máquina, cedeu en depósito a locomotora á Fundación Camilo José Cela”.
Así mesmo, Egerique indicou que a Fundación Pública Galega Camilo José Cela “leva un tempo realizando tarefas de reorganización e renovación do proxecto museográfico e reabrirá o Museo ferrocarrileiro John Trulock nas súas instalacións de Iria Flavia”.