Alcaldes e portavoces concéntranse en Vigo en contra dunha decisión que só sirve aos intereses socialistas e non aos das entidades locais.
10 de agosto de 2020. Máis dun cento de alcaldes e portavoces do PP de toda Galicia concentráronse, diante do Concello de Vigo, en contra da decisión do Goberno central de incautar os fondos dos concellos galegos; unha decisión que ten ao alcalde desta cidade e presidente da FEMP, Abel Caballero, como “cooperador necesario”. “En lugar de ser amigo dos concellos, converteuse nun inimigo; en vez de ser Abel é Caín, en vez de ser caballero é un vasallo que está ao servizo de Pedro Sánchez; e en vez de ser reivindicativo foi submiso”, afeou Manuel Baltar, presidente provincial e da Deputación de Ourense.
Neste punto, cualificou de inaceptable e inxustificado un acordo “entre aspas”, xa que, tal e como indicou, só contou cos votos a favor dos rexedores socialistas presentes na Xunta de Goberno da FEMP: “Rompeuse por primeira vez o consenso histórico”. Para Baltar, trátase dunha imposición do Executivo de Pedro Sánchez que ignora a autonomía municipal: “Os aforros das entidades locais deben investirse no territorio que foi quen de xeralos e non que os incaute, confisque e expropie un Goberno que está atentando contra a autonomía municipal e o municipalismo”.
O representante popular incidiu en que o voto de calidade do presidente da FEMP -que foi usado por primeira vez na historia da entidade e que posibilita a incautación do aforro dos concellos e das deputacións- é a “puntilla ao municipalismo español”, ademais da mostra evidente de que está a servir unicamente “aos intereses partidistas do PSOE” e non aos das entidades locais: “É un ninguneo sen precedentes ao municipalismo”.
Asemade, afeou que o acordo ignore aos concellos do ámbito rural e que non contemple nin un só euro para aqueles que non teñen remanente e os que teñen débeda.
A INCAUTACIÓN DOS AFORROS DOS CONCELLOS
“Non imos aceptar que se cambie o interese do municipalismo da noite para a mañá a cambio dun interese partidista”, dixo Alfonso Villares, alcalde de Cervo e vicepresidente primeiro da Fegamp, quen sinalou que os concellos galegos non se senten representados na FEMP por Abel Caballero, ao non defender en ningún momento os seus intereses.
Tras afear o silencio cómplice do socialismo galego, reclamou o uso dos remanentes, ao tempo que sostivo que a boa xestión dos concellos non pode ser incautada polo Goberno central. Para Villares, Abel Caballero está a permitir que os aforros dos veciños sirvan para cadrar as contas de Pedro Sánchez pola nefasta xestión.
“RESPECTO E DIGNIDADE” PARA OS CONCELLOS
Pola súa banda, o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, quen dixo non sentirse representado por Abel Caballero, reclamou “respecto e dignidade” para os concellos e non este ninguneo nin esta chantaxe: “Esta é a guinda dese pastel que é a desastrosa xestión do Goberno de Pedro Sánchez”. Neste punto, fixo fincapé en que os alcaldes e portavoces do PPdeG si están a defender os intereses dos veciños.
Do mesmo xeito, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, incidiu en que o PPdeG é un partido de pacto e de consenso, de aí que rexeite de forma frontal e clara este acordo. Un acordo, engadiu, que paralizará tanto proxectos municipais como provinciais. Neste punto, afeou que a Deputación de Pontevedra aínda non alzase a voz contra este acordo prexudicial. E avanzou que se presentarán iniciativas nos plenos municipais e provinciais.
Para rematar, o portavoz do PP no Concello de Vigo, Alfonso Marnotes, tras afear que Caballero lle dera as costas aos veciños e se puxera do lado do Executivo central, reclamou que “o diñeiro de Vigo se quede en Vigo”. Tal e como apuntou, o acto celebrouse nesta cidade, por ser o seu alcalde “o culpable” da incautación dos aforros dos concellos e das deputacións.