O parlamentario ourensán do PPdeG, Víctor Baladrón, rexeitou hoxe na Comisión de Sanidade o relato construído polo PSOE e BNG, aos que acusou de lanzar unha “campaña de mentiras e enganos” para facer crer que a Xunta de Galicia pretende desmantelar o Hospital Público de Verín.
En resposta a unha iniciativa parlamentaria dos socialistas sobre o centro sanitario comarcal, Baladrón expresou na súa intervención o seu máximo respecto tanto ás reivindicacións dos profesionais sanitarios como ás lexítimas preocupacións da cidadanía. Con todo, o parlamentario popular denunciou a utilización desta inquietude veciñal con fins puramente partidistas. “Unha cousa é respectar unha preocupación lexítima e outra moi diferente é utilizala con intereses partidistas para construír un relato de desmantelamento do Hospital de Verín que non se corresponde coa realidade”, afirmou.
O parlamentario puxo de manifesto a contradición dos partidos da oposición, poñendo o foco nos fortes investimentos que se están executando. “Algún Goberno que queira desmantelar un hospital inviste case cinco millóns de euros nel?”, cuestionou Baladrón. Fronte ao alarmismo contrapuxo os feitos, lembrando que a Xunta segue traballando no Hospital de Verín cun investimento de case 5 millóns de euros destinados ás novas instalacións de Urxencias e o PAC, alén da dotación de modernos equipamentos.
Reforzo dos servizos médicos
Lonxe de calquera intención de peche, Víctor Baladrón destaca que o centro está a reforzar os seus servizos médicos. Proba diso é a recuperación da Hospitalización a Domicilio (HADO), unha medida que xa fora anunciada polo conselleiro de Sanidade no mes de maio. A isto súmase que “o servizo de Cardioloxía retomou as súas consultas presenciais no hospital a pasada semana, incorporándose ademais a especialidade de Pneumoloxía”.
En materia de persoal, detallou, o Hospital Público de Verín conta a día de hoxe con 350 profesionais tras experimentar un notable crecemento no seu persoal. Subliñou que “tres de cada catro traballadores contan cun posto estable e que a cobertura das prazas estruturais roza actualmente o 100%”. Neste sentido, aclarou que unicamente restan por cubrir unha praza de Neuroloxía e outra de Oftalmoloxía, dúas especialidades que son deficitarias no Sistema Nacional de Saúde. Ante esta situación, o PPdeG lembra que “é o Goberno de Pedro Sánchez o que ten o deber de garantir os profesionais suficientes en todas as especialidades”.
Finalmente, Víctor Baladrón criticou que as preocupacións do PSOE e do BNG “só nacen cando se achega algún período electoral”. Desde o Partido Popular advirten que non van aceptar que a oposición intente converter estas inquietudes sociais en patrimonio político propio, nin que pretendan apuntarse como vitorias políticas decisións de mellora que xa estaban anunciadas pola Xunta. “Gobernar é conseguir profesionais, organizar servizos, investir e buscar solucións cando non hai especialistas, e iso é o que fai a Xunta de Galicia”, sinalou.
Aínda que desde o PPdeG recoñecen que “queda traballo” e non todo está solucionado, Víctor Baladrón concluíu de forma tallante: “O relato do desmantelamento buscando rédito político non se sostén”.