Santiago, 25 de xaneiro de 2022.- A portavoz popular do Mar, Teresa Egerique, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Consellería “mantén a súa man tendida e a disposición ao diálogo” para chegar a un acordo entre os extractores de mexilla e os percebeiros.
Deste xeito, o Grupo Popular apoiou a aprobación dunha moción a través da que se insta ao Goberno galego a retomar de inmediato e non cesar as reunións do grupo de traballo constituído entre a administración e os sectores mexilloeiro e percebeiro ata acordar unha normativa que regule a actividade da extracción da mexilla que asegure os intereses de ambos sectores.
Teresa Egerique subliñou que a Consellería do Mar “sempre apostou e segue a apostar polo diálogo, e por iso leva meses traballando na busca de acordos e realizando distintas propostas aos bateeiros”. “Cónstanos que as medidas adoptadas buscan garantir a convivencia equilibrada e unha axeitada protección dos intereses que concorren nas explotacións da mexilla e o percebe”, apuntou.
Así mesmo, demandou a BNG e PSdeG que “expliquen os seus cambios de postura” respecto a este conflito, porque “agora están a criticar xustamente o que nos pedían con anterioridade”. “Nós desde o primeiro momento defendemos a revisión da actividade da extracción de mexilla xunto cos dous sectores implicados de cara a adecuar a súa compatibilidade, mantendo o seu histórico entendemento, en beneficio mutuo e salvagardando os intereses do sector bateeiro e percebeiro”, indicou.