Santiago, 26 de febreiro de 2021.- O deputado do Grupo Popular, Alberto Pazos, salientou hoxe a posta en marcha da sala para vítimas de violencia de xénero no Xulgado de Viveiro. Porén, lamentou “o atraso que se produciu na instalación desta sala, así como a mensaxe que trasladaron o BNG e o PSdeG ás vítimas dicindo que nos xulgados onde non hai unha sala deste tipo se pon en perigo a seguridade das vítimas”.
Alberto Pazos recoñeceu a necesidade de habilitar espazos exclusivos para vítimas de violencia machista no Xulgado de Viveiro e en calquera xulgado do nos país, “unha sensibilidade que é compartida pola Xunta, que leva mais dunha década traballando para implementar este tipo de instalacións ou procurando alternativas naqueles xulgados en que isto resulta máis complexo”.
O deputado popular lamentou que este compromiso da Xunta co Xulgado de Viveiro sufriu un retraso, pero saudou que os traballos xa remataran e a sala xa estea a disposición do xulgado.
SEGURIDADE DAS VÍTIMAS NOS XULGADOS
Respecto das afirmacións realizadas polos deputados da oposición, Pazos asegurou que “calquera xulgado dispón dos recursos necesarios para preservar a seguridade das vítimas de violencia machista, e garantir que non coincidan no mesmo espazo físico co seu presunto agresor”.
“Denunciar é útil e seguro”, indicou o deputado popular para animar ás vítimas de violencia de xénero, quen apuntou que “todos os profesionais que traballan nos xulgados van facer todo o que estea na súa man para garantir a seguridade das vítimas, do mesmo xeito que a Xunta seguirá implementando salas diferenciadas cando sexa posible”.