Santiago, 29 de abril de 2019.- A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Marta Rodríguez Arias, salientou hoxe que a Xunta destina este ano 143 millóns de euros en axudas ás familias e á conciliación laboral e familiar, o que supón un incremento do 70 por cento respecto a 2009.
“O Goberno galego garante que ningún neno se quede sen praza nunha escola infantil”, asegurou Marta Rodríguez, quen afirmou que “todas as familias que teñan solicitado o bono concilia recibirán unha axuda económica para elixir o centro para os seus fillos”.
Entre as medidas adoptadas polo actual Goberno galego, Rodríguez Arias salientou que Galicia conta na actualidade con 24.000 prazas públicas en escolas infantís, o que supón un incremento do 50 por cento respecto a 2009. Así mesmo, dixo que a Tarxeta Benvida ata os tres anos xa concedeu unha axuda económica de 1.200 euros a máis de 40.000 familias, ao tempo que se puxeron en funcionamento 61 casas-niño para facilitar a conciliación nas zonas rurais, ás que se sumarán outras 15 que están en tramitación.
“A ratio de prazas públicas en escolas infantís recomendada pola Unión Europea é do 33 por cento e Galicia acadou o 42 por cento logo de que nos últimos dez anos se incrementara en 23 puntos esta ratio”, salientou. Neste sentido, manifestou que 97 por cento das prazas públicas en escolas infantís están xestionadas directamente pola Xunta, fronte á privatización total das escolas infantís municipais de Santiago, A Coruña ou Vigo.