Santiago, 14 de xuño de 2022.- O deputado do Grupo Popular José Manuel Balseiro salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “a Xunta ten a axenda de apoio ao emprego máis ampla e máis ambiciosa de toda a historia da Comunidade galega, mobilizando máis recursos que nunca e chegando a máis persoas que nunca”.
Deste xeito, pediu a BNG e PSdeG que “deixen de manipular as cifras de emprego e asuman que Galicia ten unha mellor situación laboral que o resto de España, e axúdennos a convencer a Pedro Sánchez que cese na súa obsesión con Galicia e nos traslade os fondos e recursos que por dereito nos corresponden”.
Balseiro lembrou que, segundo os últimos datos coñecidos da EPA, o paro diminúe en Galicia nun 10,93 por cento nun ano, presentando o mellor escenario posible nas tres taxas: a taxa de paro é a menor dos últimos 14 anos (11,44%); continúa a ser mellor que a do resto de España (13,65%); e a taxa de emprego e a máis elevada nun primeiro trimestre desde 2009. Ademais, a taxa de paro feminina continúa sendo mellor en Galicia (12,9 por cento) que no resto de España (15,44 por cento).
Así mesmo, e tomando como referencia o paro rexistrado, Galicia rexistra o menor número de parados de toda a serie histórica nun mes de maio. “Desde 2008, o desemprego non baixaba das 150.000 persoas”, salientou.
“Non nos conformamos con estes datos e queremos unha Galicia que cree cada vez máis postos de traballo”, manifestou o deputado popular, quen pediu unha colaboración da oposición “construtiva e sincera”. Balseiro sinalou que “o camiño non é pedir plans de apoio a sectores sociais que a Xunta xa ten en marcha, coñecidos como Plans Emprega, pero estamos dispostos a escoitar, valorar e debater medidas concretas da oposición que non sexan unha emenda á totalidade daquilo que está funcionando”.