7 de marzo de 2023. A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Raquel Arias, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “Galicia é líder no impulso de medidas para afrontar a dificultade do reto demográfico, a pesar de que BNG e PSdeG foron incapaces de votar a favor de ningunha das medidas que o Goberno galego está a poñer en marcha”.
En concreto, Raquel Arias manifestou que “Galicia é a comunidade en que máis axudas teñen as familias cando deciden ter un fillo; é a única comunidade con escolas infantís gratuítas; os estudantes teñen as taxas universitarias máis baratas do Estado; está implantado a medida de impostos cero no rural; e existen avais para que os mozos poidan adquirir unha vivenda aínda sen ter aforros para a entrada”.
Así mesmo, citou outras medidas como as casas-niño, a Tarxeta Benvida, o Bono coidado, o Bono concilia, as casas do maior ou os servizo de coidados porta a porta; ademais doutras iniciativas dirixidas á mobilidade como o Plan de transporte público de Galicia ou a tarxeta Xente Nova.
CUALIFICA EMPREGO PARA TRAER MAN DE OBRA
“Todas estas medidas permitiron que Galicia conte con saldos migratorios positivos desde o ano 2016 e, máis en concreto, o pasado ano se instalaron na Comunidade galega 14.448 persoas máis das que se foron”, apuntou. Neste ámbito, referiuse ao Plan Retorna, dirixido a facilitar o retorno dos galegos e que supuxo a chegada de 28.000 galegos, 8.000 máis dos previstos inicialmente. “Neste momento xa está en marcha un novo Plan Retorna, cuxo programa estrela é o Cualifica emprego, polo que se busca atraer a 400 traballadores para cubrir vacantes existentes en Galicia para as que non se atopa man de obra”, sinalou.
Raquel Arias lamentou que, a pesar deste esforzo que se está a facer desde a Xunta, “o Goberno de Pedro Sánchez non está a colaborar coa gratuidade das escolas infantís; abonando a débeda existente do copago da dependendencia; mellorando a conectividade do rural; paliando a falta de médicos de atención primaria negándose a autorizar máis prazas MIR; incumprindo reiteradamente as datas para a chegada do AVE a toda Galicia e o envío dos trens Avril; ou aprobando unha Lei de familia que deixa desprotexidas ás familias numerosas e a maioría das monoparentais”.