A portavoz de Política Social do Grupo Parlamentario Popular, Raquel Arias, e o deputado José Luis Novo, acompañados pola presidenta do PP en Vilalba, Sandra Vázquez, salientaron que o Bono Concilia Familia, posto en marcha polo Goberno galego, “facilitou a atención aos cativos en máis dun milleiro de fogares” da provincia de Lugo.
Concretamente, na convocatoria de 2025, o Bono Concilia Familia chegou a 1.042 familias lucenses, con Lugo (613), Monforte de Lemos (66), Sarria (56) e Vilalba (51) como os concellos co maior número de beneficiarios. En toda Galicia, concedéronse máis de 13.000 solicitudes.
Durante unha visita á ludoteca Diverminds de Vilalba, Raquel Arias e José Luis Novo destacaron que, só no primeiro día de apertura do prazo da convocatoria de 2026, a Xunta de Galicia rexistrou máis de 9.000 solicitudes en toda a Comunidade, o cal “da boa conta da súa excelente acollida”.
“É unha mostra máis do apoio do Goberno galego ás familias para que poidan compaxinar a vida persoal coa laboral”, sinalaron os representantes populares. Ademais de medidas pioneiras como a gratuidade das escolas infantís ou as casas niño, lembrou que o Executivo autonómico tamén apoia aos concellos con case 7,5 millóns de euros, a través do Plan Corresponsables, para organizar campamentos e outras actividades similares de conciliación. “A pesar de que o Goberno central recortou a achega a este plan nun 25%”, censuraron.
PRAZO ABERTO ATA O 9 DE OUTUBRO
A través do Bono Concilia Familia, as unidades familiares poden recibir ata 500 euros para sufragar os custos dun servizo de coidado no domicilio, ou ben ata 200 euros por fillo naqueles casos nos que se acuda a un servizo especializado como as ludotecas, campamentos ou actividades de conciliación.
A Xunta inviste 2,6 M€ nesta orde de axudas económicas directas que contribúe a sufragar os custos dos servizos de atención e coidado aos nenos de entre 4 e 13 anos.
As persoas interesadas en contar con esta axuda poden solicitala ata o vindeiro día 9 de outubro ás 14,00 horas a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia.