O deputado do Grupo Popular e portavoz do PP en Carballo, Rubén Lorenzo, xunto á tamén deputada Ethel Vázquez afirmaron hoxe que a rehabilitación integral do IES Alfredo Brañas de Carballo, que suporá un investimento superior aos 1,7 millóns de euros, “é unha mostra máis do firme compromiso da Xunta coa educación pública”. Estas obras mellorarán as condicións de traballo do profesorado e a calidade do ambiente para estudar do alumnado, convertendo o IES Alfredo Brañas nun espazo máis acolledor, eficiente e cómodo.
Esta actuación, que deu comezo recentemente e teñen un prazo de execución de nove meses, permitirá modernizar estas instalacións educativas mellorando a súa eficiencia enerxética, o confort térmico e acústico, a accesibilidade e a calidade dos espazos.
En concreto, a intervención prevista pola Xunta no IES Alfredo Brañas inclúe a renovación das carpintarías exteriores, a mellora do illamento térmico, a instalación de sistemas de iluminación máis eficientes e a adecuación de espazos interiores e accesos ao edificio, reducindo así o consumo enerxético e contribuíndo á sustentabilidade ambiental.
Rubén Lorenzo e Ethel Vázquez explicaron que esta actuación se enmarca na segunda fase do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta, a través da que se investirán 200 millóns de euros nos vindeiros catro anos para transformar os centros educativos galegos en espazos modernos e adaptados ás necesidades actuais.
Na primeira fase deste plan, a Xunta investiu case un millón de euros nos centros educativos de Carballo, con obras tan demandadas como o salón de actos deste IES Alfredo Brañas.