Na véspera da reunión entre o presidente Alfonso Rueda e Pedro Sánchez, o PPdeG reivindica que é o “único partido que defende de verdade a dignidade de Galicia” e que iso será o que o seu líder trasladará mañá na Moncloa: “Defenderemos a nosa dignidade fronte aos que pretenden erosionar a igualdade entre todos os españois”.
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, recordou hoxe nunha rolda de prensa celebrada na sede autonómica do partido que esta defensa da dignidade de Galicia era precisamente un dos compromisos incluídos no programa electoral que levou a Alfonso Rueda a conseguir a súa primeira maioría. Un apartado que se resumía do seguinte xeito: “O PP de Galicia defenderá que as institucións autonómicas sexan reivindicativas co Goberno de España e que entendan a lealdade como unha forma de esixir o que ás galegas e galegos lles corresponde”.
“A estas alturas, sete meses e un día despois de gañar as eleccións, ninguén pode negar que o PPdeG non só está cumprindo co prometido, senón que é o único partido que defende, de verdade, a dignidade de Galicia”, apuntou a número dous dos populares antes de criticar que Alfonso Rueda tivera que esperar todo este tempo para ser recibido por Pedro Sánchez e que este, ademais, “chame a todos á vez e non o reciba só a el como é habitual despois de gañar unhas eleccións”.
O PLAN DE DEXENERACIÓN DEMOCRÁTICA DE SÁNCHEZ
Ante este cambio de actitude por parte do presidente do Goberno, Paula Prado ironizou con que se trata “dunha máis das súas sorpresas negativas incluídas no seu plan de dexeneración democrática” e das que en Galicia, subliñou, hai moitos exemplos. Un deles é o caso das infraestruturas: “Está atrasada e paralizada a transferencia e gratuidade da AP-9, atrasadas tamén un bo número de conexións ferroviarias, como o enlace con Portugal; e atrasadas a autovía Santiago-Lugo ou as obras do viaduto da A-6”.
“Tamén tivemos sorpresas negativas cos fondos europeos e o apoio aos proxectos industriais interesados en crear emprego e riqueza en Galicia. E non sabemos nada da transferencia dos medios e servizos para a xestión do litoral, conxelada pese á sentenza do Tribunal Constitucional”, indicou.
A secretaria xeral do PPdeG considera que “son tantos os desprezos e os incumprimentos de Sánchez con Galicia que o presidente Rueda vai ter que facer un esforzo de comprensión para poder resumirllos ao presidente do Goberno e aínda así non lle chegaría todo o venres”.
Tamén quixo remarcar o “preocupante” xa non do elevado nivel de incumprimentos, senón do feito de que “moitos deses incumprimentos son exactamente os mesmos que o presidente Rueda lle trasladou a Sánchez hai máis de dous anos”.
UN BNG QUE INVESTIU A SÁNCHEZ A CAMBIO DE NADA
Paula Prado criticou así mesmo que esta semana o BNG “se atrevera a dar leccións de servilismo cando investiron a Pedro Sánchez a cambio de nada”. De feito, aproveitou para volver a recordarlle aos nacionalistas que “o seu pacto de papel mollado xa leva un bo número de incumprimentos”.
“Está claro que o plan de dexeneración democrática de Sánchez inclúe incumprir o que pacta cos seus socios e, por suposto, incumprir coas demandas das galegas e os galegos”, concluíu no remate da súa intervención.