Lamenta a “mala fe” coa que Alcoa actuou en todo o proceso de negociación da súa venda e di que o anunciou de hoxe evidencia que só quería dilatar os prazos
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, pediu á Siemens Gamesa “que siga apostando por esta comarca e polo mantemento dos postos de traballo”. Así se expresaba en declaracións aos medios tras unha xuntanza co comité de empresa da planta que esta multinacional ten nas Somozas.
O número dous dos populares galegos resaltou a importancia desta factoría -da que dependen 500 empregos entre directos e indirectos- para a economía das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Por ese motivo, amosouse moi preocupado polo anuncio da dirección da empresa nos últimos días sinalando que non abrían a posibilidade de que modelos máis innovadores de palas se realicen nesta planta, limitando así o seu mercado ao único modelo que se está a fabricar nestes momentos.
Así mesmo, apuntou que non hai pedidos confirmados máis alá do mes de decembro, polo que espera que se poidan confirmar outros novos nas próximas semanas que garantan a continuidade desta planta e que dean tranquilidade ás 500 familias que dependen dela. “Seguiremos traballando desde o Parlamento de Galicia e dende o Concello para que isto teña futuro”, manifestou engadindo que tamén apoiarán ao comité de empresa en todas as tarefas para defender o emprego.
“Dende a Xunta e desde o PPdeG seguiremos traballando activamente e colaborando coa empresa man con man para buscar vías de futuro para esta planta e que todas as incertidumes se poidan disipar da mellor forma posible”, insistiu Tellado acompañado tamén polo presidente provincial da Coruña Diego Calvo, e polo alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás.
TRABALLAR XUNTOS PARA EVITAR O PECHE DE ALCOA
Por outra parte, referiuse ao anuncio de Alcoa sobre o despido colectivo de 524 empregados e a hibernación das cubas na súa planta de aluminio de Cervo, afirmando que nin Mariña lucense nin Galicia merecen o comportamento que está a ter esta empresa, que é motor desa comarca e cuxa decisión pode ter unha afectación estimada de 1000 postos de traballo.
Nese senso, pediu ao Executivo central que use todos os recursos á súa disposición para evitar a paralización da planta de fabricación de aluminio primario na Mariña e que se adopten todas as medidas para que esta poida seguir en funcionamento, sexa en mans de Alcoa ou doutra empresa.
Tellado tamén lamentou a “mala fe” coa que Alcoa actuou en todo o proceso de negociación da súa venda, evidenciando que nunca foi a súa verdadeira intención vendela e que só dilatou os prazos.
“O Goberno galego e o Goberno de España teñen que traballar da man para evitar o peche desta fábrica e para que estes postos de traballo se garantan no tempo”, sentenciou.