O portavoz do Grupo Popular no Parlamento, Alberto Pazos, urxiu, hoxe, ao Goberno central a que anule de xeito inmediato o actual proxecto da variante oeste de Caldas de Reis e inicie a redacción dun novo que inclúa as demandas da veciñanza e contemple as necesidades dos municipios afectados.
Acompañado do portavoz municipal, Fernando Pérez, Alberto Pazos mantivo unha xuntanza cos veciños de Godos, unha das parroquias de Caldas máis afectadas polo impacto desta variante, para informarlles da proposición non de lei que o PPdeG levará ao vindeiro pleno do Parlamento sobre o deseño desta infraestrutura. Unha iniciativa que, tal e como explicou, impulsou o voceiro local e que se fai eco das demandas e o sentir maioritario dos veciños.
Alberto Pazos, tras referirse ao anuncio feito, onte, polo secretario xeral do PSdeG da cancelación da variante, dixo que agarda a que sexa o delegado do Goberno de Galicia ou algún representante do Executivo central a que confirme esta nova, xa que “Besteiro non ten potestade ningunha para facelo”. Neste punto, amosou a súa estrañeza pola repentina preocupación do representante socialista con respecto a esta infraestrutura, xa que foi ás poucas horas de que se incluíse na orde do día do pleno a iniciativa do PPdeG cando “anunciaba o arquivo desta obra”. “Pareceríanos unha magnífica noticia –engadiu-, sobre todo se é verdade”.
Para o voceiro do PPdeG, a palabra de Besteiro “merece pouco respecto”, dados os precedentes: “É a mesma persoa que anunciou a gratuidade da AP-9. E seguimos pagando por usar esa vía”. De aí que o PPdeG manteña a iniciativa para o seu debate no pleno da próxima semana.
Así, considerou que o Goberno central debe iniciar con urxencia a redacción dun novo estudo informativo, que conteña alternativas de trazado adaptadas aos acordos plenarios acadados por unanimidade nos plenos dos concellos de Caldas de Reis e Portas.
O PPDEG, O ÚNICO QUE DEFENDE OS INTERESES DE CALDAS
Segundo Alberto Pazos, de confirmarse a cancelación do actual proxecto, lesivo para a comarca do Umia, o éxito será da veciñanza de Caldas de Reis, de quen destacou o traballo que vén realizando desde hai meses para que se teñan en conta as súas demandas. Nesta mesma liña, fixo fincapé en que o único partido que está a defender os intereses do municipio é o PPdeG, e aproveitou para destacar o compromiso do voceiro municipal, quen tomou o liderado desta cuestión e sempre estivo ao carón dos seus veciños.