O PPdeG insta ao Goberno central a que active as medidas necesarias co fin de garantir a seguridade da navegación ante a repunta de interaccións de candorcas con embarcacións no litoral galego; as cales causaron xa graves danos materiais, principalmente na rotura de temóns, e están a poñer en serio risco a integridade dos seus navegantes.
A través dunha proposición non de lei, o Grupo Parlamentario Popular esixe ao Executivo de España o deseño e posta en marcha dun sistema permanente de seguimento, vixilancia e resposta coordinada a través dos medios públicos competentes. Entre as medidas propostas, o deputado popular Fernández Rosende, impulsor da iniciativa, destacou a necesidade de que se advirta en tempo real aos navegantes sobre a localización exacta e os movementos destes mamíferos mariños, ademais de que se preste asistencia inmediata no mar en caso de producirse un incidente ou avaría crítica.
Segundo expuxo o parlamentario popular, a situación afecta con especial gravidade á náutica de recreo, un sector estratéxico para o turismo e a economía de Galicia. Moitas destas embarcacións proceden doutros países europeos e viaxan con familias a bordo, o que xera unha profunda preocupación e prexuízo directo para o desenvolvemento da actividade náutica na nosa comunidade.
Os populares sinalan que as recomendacións e os protocolos de actuación actuais dirixidos aos navegantes para evitar novos incidentes “non están a resultar suficientes”, posto que recentemente se volveron rexistrar encontros en augas galegas que remataron con naves avariadas e, nalgúns casos, afundidas.
Ante esta problemática, o Grupo Popular reclama unha solución que equilibre dous factores esenciais: a protección das persoas e a conservación e protección dunha especie estritamente protexida. Así, a iniciativa avoga, tamén, porque o Goberno central, a través da Dirección Xeral da Mariña Mercante, tome medidas para minimizar os episodios de risco, garantindo en todo momento as estritas directrices de conservación e benestar desta especie, mediante unha estreita colaboracións cos medios de Salvamento Marítimo e do Servizo de Gardacostas de Galicia.