Santiago, 1 de xuño de 2017.- O Grupo Popular volveu apoiar esta tarde no Parlamento unha proposición non de lei para que a familia Fraco cumpra a obriga legal, recollida na Lei do patrimonio cultural de Galicia, de abrir o Pazo de Meirás ó público polo menos durante catro días ó mes durante todo o ano, incluíndo o mes de agosto.
A deputada Teresa Egerique subliñou que desde o PPdeG “non temos ningún problema en apoiar iniciativas que defendan o cumprimento exhaustivo das leis, neste caso unha lei que vela pola protección e acceso ao noso patrimonio arquitectónico e histórico”.
LEI IGUAL PARA TODOS
“Temos unha liña de traballo e un marco legal no que construír este país, que en cambio para a oposición é cuestionable segundo a óptica coa que se mire”, engadiu a deputada popular, quen dixo que “para nós a lei é igual para todos e, neste caso, independentemente dos propietarios do BIC, sempre se vai velar polo seu cumprimento”.
Egerique lembrou que “o outro día deputados deste Parlamento puidemos visitar o Pazo de Meirás e comprobamos que existe unha visita guiada, á que poden acceder as persoas que o desexen, e hoxe traen esta iniciativa para xerar unha polémica ou formular un debate que non é necesario”.
EXPEDIENTE POR INFRACCIÓN ADMINISTRATIVA
Na súa intervención, lembrou que a Xunta de Galicia, logo de tres denuncias recibidas respecto da apertura deste pazo, abriu dilixencias previas e comunicou aos propietarios a posible comisión dunha infracción administrativa en materia de patrimonio cultural.
Egerique explicou que tanto a reiteración do incumprimento como o alcance da sanción serán as que se determinen a tramitación dun expediente, tanto en materia de patrimonio cultural como do réxime xurídico das administracións públicas. O artigo 129 da Lei de Patrimonio Cultural tipifica ese incumprimento como unha falta leve cunha sanción de 6.000 euros.