Santiago, 6 de novembro de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha iniciativa do Grupo Popular na que insta ao Goberno do Estado para que dote a Navantia-Ferrol de carga de traballo a través da construción dun novo buque loxístico (AOR), como o que está ultimando para a Armada australiana, e reprograme o plan de traballo das cinco fragatas F-110 encargadas pola Armada española para adiantar o comezo do corte de chapa.
Esta proposición non de lei saíu adiante co voto favorable de todos os grupos, salvo o dos socialistas de Galicia, que se negaron a apoiar a dotación de carga de traballo inmediata para os estaleiros da ría, cun proxecto que serviría de ponte ata que se comece co corte de chapa das Fragatas F-110, que previsiblemente se retrasará ata 2022.
COÑECER O POSICIONAMENTO DOS PARTIDOS
Na súa intervención, o viceportavoz popular Miguel Tellado explicou que “a catro días das eleccións, necesitamos coñecer o posicionamento de todos os grupos sobre un tema que é crucial para esta comarca e para Galicia”. Do mesmo xeito, preguntouse se “un partido non é capaz de comprometerse en campaña electoral, que vai poder facer unha vez que estea no Goberno”.
Tellado incidiu, ademais, en que este AOR é un dos compromisos que a Xunta incluíu na axenda presentada a pasada semana polo Presidente Feijóo e que se lle reclamará ao Goberno de España que saia das urnas o próximo domingo, independentemente de cal sexa a súa cor. “Ferrol necesita futuro, e para que o teña é necesario asegurarlle tamén o presente”, sinalou.
OS SOCIALISTAS QUEDARON RETRATADOS
Ao coñecer o posicionamento dos socialistas sobre esta iniciativa, o viceportavoz indicoulles que “quedaron retratatos, o seu compromiso é que non haxa traballo ata 2022 nos estaleiros de Ferrol”. “O PSOE dixo claramente que o AOR non fai falta e que non teñen intención de facelo”, incidiu, tras apuntar que “á ministra Robles non lle gustaba que hoxe debatéramos aquí esta iniciativa”.
“Sempre que gobernou o PSOE, ao naval foille mal”, dixo lembrando os últimos cinco anos do Goberno Zapatero, no que non houbo nin un só contrato nos estaleiros, e contrapúxoo con que “o Partido Popular puxo traballo onde os socialistas deixaran miseria”.