Santiago, 18 de xaneiro de 2017.- A deputada do Grupo Popular Marta Nóvoa subliñou esta tarde no Parlamento que a apertura de estacións de servizo desatendidas “favorece a creación de empregos en Galicia pola tecnoloxía coa que operan ou a televixilancia das instalacións, empregos que son habituais no resto da Unión Europea”.
Marta Nóvoa afirmou que “a maior parte das empresas que están instalando gasolineiras automáticas son de nova creación, empresas innovadoras, algunhas das cales son start-ups, pioneiras e que defenden de forma decidida a libre competencia do mercado, mellorando a eficiencia e a posta a disposición do produto e creando emprego de calidade”.
REDUCIÓN DE ATA UN 6 POR CENTO
“Este Goberno galego está a poñer todos os medios ao seu alcance, para fomentar a competencia e abaratar os prezos: simplificando os trámites para abrir novas gasolineiras; reforzando o control para que os operadores non superen o 30 por cento da cota do mercado; apoiando a creación da rede de estacións libres de servizo Galired que suma 80 puntos de venda e ten entre os seus obxectivos a creación dunha central de compras para abaratar o produto; e tamén rebaixando os custes do solo empresarial, para a instalación de novas estacións”, concretou a deputada popular.
Neste sentido, Marta Nóvoa manifestou que “debemos seguir fomentando a competencia no sector”, polo que indicou que a instalación deste tipo de estacións de servizo automáticas “facilita a baixada de prezo dos combustibles, como acontece nos países de Europa onde hai un maior número destas gasolineiras e o custo reduciuse ata nun 6 por cento”.