A portavoz do PP de Camariñas e deputada do Grupo Parlamentario Popular, Paula Mouzo, amosou, hoxe, a súa satisfacción pola rectificación do Goberno de España ao manter a base de Vixilancia Aduaneira de Muros, compatibilizándoa coa posta en marcha dunha nova base en Cee. Tal e como recordou, esta decisión “responde a unha demanda que o propio PPdeG liderou nas distintas institucións”.
Mouzo apuntou que desde o PPdeG sempre defenderon a necesidade de reforzar os medios de vixilancia na Costa da Morte, pero sen que iso supuxese en ningún caso a perda de capacidades noutros puntos estratéxicos da costa galega como Muros. “Nunca tivo sentido mellorar un servizo a costa de recortar outro. Galicia precisa máis medios, non menos”, sinalou.
Neste sentido, destacou que foi a presión exercida desde o ámbito político, social e sindical –coa implicación activa do PPdeG- a que permitiu reverter a decisión inicial do Executivo central, que contemplaba o traslado da base de Muros a Cee. A portavoz popular subliñou que levou esta reivindicación ás diferentes institucións, incluíndo iniciativas no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados, defendendo en todo momento unha solución que garantise tanto os dereitos do persoal como a eficacia operativa do servizo.
Para Paula Mouzo, esta rectificación evidencia que “cando hai unidade, firmeza e compromiso na defensa dos intereses de Galicia, conséguense resultados”. Así mesmo, considerou que esta decisión supón un paso positivo para reforzar a seguridade marítima e a loita contra o narcotráfico na costa galega.
Finalmente, a portavoz instou ao Goberno de España a seguir nesta liña, apostando por reforzar os medios e recursos destinados á Vixilancia Aduaneira en Galicia, atendendo ás necesidades reais do territorio e desde o diálogo coas comunidades autónomas e os profesionais do sector.