O PPdeG, logo da comparecencia do presidente Alfonso Rueda esta semana no Parlamento, considera que quedou claro que esta lexislatura estará protagonizada polo “Estilo Galicia” baseado na estabilidade e o rigor na xestión, así como no cumprimento da palabra dada: “O Goberno galego demostrouno durante os primeiros 100 días, co cumprimento do 100% das medidas, e demostrarao durante os máis de 1.400 días de lexislatura”.
“A comparecencia estivo protagonizada polas sete letras de Galicia e por un bo número de medidas para o futuro da nosa terra”, afirmou hoxe en rolda de prensa a secretaria xeral do partido, Paula Prado, destacando que o Goberno galego triplicará o orzamento destinado a vivenda, deseñará unha Estratexia para mellorar a inserción laboral da mocidade, porá en marcha un novo Plan de recursos humanos sanitarios, unificará a tramitación da dependencia e discapacidade e aprobará o Plan galego da investigación.
A isto habería que unir o anuncio realizado onte polo presidente Rueda de que a Xunta reservará para a mocidade o 25% das novas vivendas públicas destinadas á venda e o 40% das promocións destinadas ao alugueiro. Ademais de crear un bono para axudar á xuventude a afrontar os gastos derivados da emancipación.
“Todas estas medidas se levan a cabo grazas a que Galicia cumpre e proba diso é que a próxima semana a Xunta aprobará os Orzamentos de 2025. Co cal xa serán 16 anos consecutivos coas contas aprobadas e sen sobresaltos, sen estridencias e sen liortas”, remarcou insistindo en que “esta Galicia que funciona é un exemplo para o resto de España e un espello no que o Goberno central debería mirarse”.
A número dous dos populares galegos criticou que en España se teña normalizado “funcionar cos Presupostos Xerais prorrogados” e que “dar privilexios a algunhas comunidades sexa a forma de perpetuarse no poder”. Nesta liña afeou o feito de que “o candidato do partido político que goberna poda lanzar unha promesa e uns meses despois matizala facéndolle crear á cidadanía que cumpriu”.
GALICIA CUMPRE, O GOBERNO CENTRAL ENGANA
Referiuse así a que o 5 de febreiro de 2024, durante o debate electoral organizado pola Televisión de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro asumira o “compromiso irrenunciable” de facer gratuítas as peaxes da AP-9 e a AP-53. É máis, o candidato socialista –logo de que meses antes o PSOE e o BNG asinaran a gratuidade da peaxe no papel mollado que foi o pacto de investidura– chegou a afirmar que as peaxes se ían acabar.
“Agora, varios meses despois, o Goberno central inténtanos colar como un gran triunfo unha pequena rebaixa que xa veremos como e cando se materializa. Porque xa sabemos que, ademais, a celebración do Aninovo adoita vir acompañada dunha subida”, engadiu recordando ademais que no Congreso o prazo de emendas á Proposición de Lei sobre a AP-9 xa leva media ducia de prórrogas esta lexislatura “despois de que na pasada se prorrogara ata 15 veces”.
Paula Prado considera que con estas prorrogas o PSOE e o BNG están “obviando a unanimidade do Parlamento de Galicia” e “boicoteando o mandato dos galegos e das galegas”. De aí a súa promesa de que o PPdeG “vai seguir traballando e non vai consentir que o Goberno central e os grupos que o apoian sigan bloqueando a transferencia e gratuidade da AP-9”.
Os populares agardan que o próximo mércores, na comparecencia de Óscar Puente que forzaron os seus deputados nacionais, o ministro cumpra e se comprometa cunha autoestrada gratuíta: “Temos que poñer a AP-9, e por suposto tamén a AP-53, no lugar preferente que demandan todos os galegos e galegas”.
“Estamos ante as autoestradas máis caras de España e, por iso, Galicia seguirá traballando para que a transferencia e a gratuidade sexan unha realidade”, sentenciou a secretaria xeral do PPdeG como remate da súa intervención.