A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, amosouse hoxe moi crítica coa “subasta de suma e segue cos independentistas” na que Pedro Sánchez converteu a súa investidura e que, na práctica, tradúcese en que “cantos máis cartos pide Cataluña, máis cartos están perdendo o resto de Comunidades”. Unha idea que resumiu en que “máis Sánchez significa menos Galicia”.
Referíndose aos 450.000 millóns de euros “a pagar pola investidura de Sánchez”, a número dous dos populares galegos lamentou que eses cartos “se lle quiten a Galicia e a outros territorios onde os necesitamos para sufragar os nosos servizos e infraestruturas” só para contentar ao independentismo.
Neste sentido reprochou ao PSOE galego e ao BNG que defendan a investidura de Pedro Sánchez e, polo tanto, tamén defendan “que os galegos perdamos eses cartos que se irían a Cataluña”. Unha postura por parte de socialistas e nacionalistas, que non sorprende á secretaria xeral do PPdeG: “Para eles é sempre máis Sánchez e menos Galicia”.
O DESLEIXO DE PEDRO SÁNCHEZ COAS INFRAESTRUTURAS GALEGAS
Paula Prado fixo estas declaracións nunha visita ás obras da variante de tren da Pobra de San Xiao, en Láncara, xunto á Comisión de Infraestruturas do PPdeG e á que asistiron tamén deputados e senadores da provincia de Lugo. Alí afirmou que “esta provincia é, por desgraza, un dos mellores exemplos do desleixo do Goberno central con Galicia en materia de infraestruturas”.
“Os servizos obsoletos e deficitarios que ofrece o Goberno central están prexudicando moitísimo ás conexións de Galicia tanto no seu interior como co resto de España”, asegurou ao tempo que poñía como exemplo os incumprimentos en autovías como a Lugo-Santiago (A-54) e a Lugo-Ourense (A-56) ou os atrasos na reconstrución da A-6.
“Levamos varios anos de mentiras, desprezos e falta de solucións para conectar Galicia co resto de España”, engadiu.
A todo isto habería que engadir, na súa opinión, os incumprimentos na chegada dos trens Avril que facilitarían a implementación da Alta Velocidade en todas as cidades galegas. De feito, non dubidou en referirse ás últimas noticias a este respecto, xa que hoxe mesmo o Goberno central volvía ofrecer unha nova escusa para xustificar que os trens Avril aínda non estean en funcionamento na nosa Comunicade.
A ALTA VELOCIDADE NON CHEGA Á MAIORÍA DE GALICIA
Pola súa banda, o coordinador de Infraestruturas do PPdeG, Antonio Ameijide, asegurou que a variante de tren da Pobra de San Xiao “é a única actuación ambiciosa que se fixo en anos pola conexión ferroviaria entre Lugo e Ourense”.
Pero, aínda así, recordou que as obras que se están levando a cabo chegan “logo de máis de catro décadas de espera” e consisten unicamente na electrificación da vía, polo que “non suporán ningunha ganancia de tempo de recorrido”.
“Estas obras afectan só a un 7% da liña, polo que no 93% restante seguirá cun trazado do século XIX”, explicou ao tempo que lamentaba a imposibilidade de que poidan circular por esta vía trens de Alta Velocidade.
Ameijide denunciou que “a Alta Velocidade non chega á maioría de Galicia e as obras que está levando a cabo o Goberno central non contribúen a facer competitiva a nosa Comunidade e especialmente as zonas do interior”. Incidindo así na importancia que as conexións ferroviarias e por estrada teñen para as empresas, para a xeración de emprego e para a economía das cidades galegas.
“Solicitamos máis investimento por parte do Goberno de España para reverter a desconexión, o abandono e o illamento que sufrimos os galegos no que se refire ás nosas infraestruturas”, concluíu.