O PPdeG denuncia “os recortes na seguridade dos galegos que aplica Pedro Sánchez co apoio do BNG” e por iso demanda ao Goberno central que dote ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado cos medios e recursos que “necesitan para sentirse protexidos e poder desempeñar o seu labor con dignidade”.
Esta mañá Paula Prado defendeu no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei –aprobada sen o voto a favor nin do PSOE nin do BNG– na que se reclama ao Executivo estatal, entre outras cuestións, que garanta que Galicia conte cos efectivos da Garda Civil e da Policía Nacional que lle corresponden por catálogo, que recoñeza o traballo destes Corpos como profesión de risco, que equipare os seus salarios aos do resto de policías autonómicas e que lles facilite os medios e recursos que necesitan para cumprir coas súas obrigas constitucionais.
A secretaria xeral do PPdeG fíxose eco na súa intervención das case 17.000 agresións a gardas civís e policías nacionais rexistradas no 2024 –“a cifra máis alta desde que o Ministerio do Interior recompila estes datos”, apuntou– para argumentar a necesidade de que se lle recoñeza o risco da súa profesión e se garantan tanto a súa protección como a súa integridade física.
“O desinterese de Pedro Sánchez por investir nos nosos axentes chega ao punto de que non só lles nega algo tan básico como chalecos antibalas ou fundas antirroubo para as súas armas, senón que ademais segue gardando nun caixón o acordo de equiparación salarial ao que chegara o Goberno de Rajoy en 2018”, denunciou ao tempo que criticaba a política de “recortes” que aplica o PSOE co apoio do BNG na seguridade dos galegos e galegas.
Falou así de recortes como os que supón, por exemplo, que en Galicia falten cada día máis de 1.100 efectivos dos que corresponderían por catálogo; que se vaian pechar os postos auxiliares dos concellos das Somozas, Cariño, Touro, A Pobra, Sober e Baltar; ou que “nos poucos cuarteis que permanecen abertos só se atenda presencialmente tres días á semana e de 9:00 a 14:00 horas”.
Ao remate do debate, Paula Prado e o deputado autonómico Jesús Fernández Rosende reuníronse con representantes de sindicatos policiais e asociacións profesionais de gardas civís para trasladarlle o apoio ás súas reivindicacións.
As mesmas reivindicacións que recollía a iniciativa que se debateu hoxe e que foi o resultado de encontros mantidos anteriormente. “Nós non tocamos os temas de oído nin redactamos iniciativas desde a ideoloxía, senón que nos reunimos coa xente, escoitamos as súas necesidades e recollemos o seu sentir”, explicou Prado.