Santiago, 26 de agosto de 2021- A viceportavoz do Grupo Popular Paula Prado e o portavoz de Turismo Borja Verea, reuníronse con representantes da Asociación Hostalaría Compostela para recoller as súas necesidades e propostas na mellora da resposta a situación dun dos sectores máis castigados pola pandemia, como é o a hostalaría, fronte a pandemia actual da covid-19 e as súas consecuencias.
Os deputados populares agradeceron á nova directiva a súa posta ao fronte da Asociación máis representativa do sector en Santiago e unha das máis importantes de Galicia, con máis de 600 afiliados, e consideraron imprescindible ter unha interlocución válida, para tomar medidas conxuntas fronte a pandemia.
Os representantes da Asociación trasladaron aos deputados o proceso de recuperación a diferentes velocidades do sector, xa que, por unha banda, nos hoteis a resposta está a ser satisfactoria cunha ocupación alta, pero na restauración un pouco menos polos diferentes aforos e as distintas medidas tomadas e que ven en detrimento da imaxe que se poidera ofrecer aos turistas durante a vixencia das mesmas.
Ao respecto do ocio nocturno pediron apoio para que as restricións e peches se establezan por usos dos locais e non por licenzas e deixar de aplicar as mesmas restricións a todos os locais de ocio nocturno por igual. Outras cuestións plantexadas foron que os cambios de restricións sexan realizados os luns e non os sábados, establecer o 100% da capacidade nas terrazas, primar a distancia de seguridade de 1,5 metros entre mesas en lugar dos aforos ou establecer un plan de actividades que axuden a incentivar o turismo tralo período estival.
Os deputados populares comprometéronse a trasladar as súas reivindicacións e amosaron o seu apoio ao sector e que este poida traballar con garantías para poder manter e recuperar o emprego e a actividade económica dun sector clave nunha cidade turística como Santiago de Compostela.