A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, lamenta a “falta de rigor e responsabilidade” do Goberno de Pedro Sánchez e os seus socios do BNG co principal problema da sociedade: a vivenda. Para a número dous dos populares galegos, o Executivo central “leva oito anos improvisando, sen construír unha soa vivenda e operando de costas ás comunidades autónomas”, mentres o Goberno galego, pese aos recortes do Executivo central, segue centrado en construír vivenda, defendendo a seguridade xurídica dos propietarios e inquilinos, apostando pola oferta e aportando solucións reais ante a preocupación dos galegos e galegas.
Así o manifestou hoxe a número dous dos populares galegos nunha rolda de prensa na sede autonómica do PPdeG, onde criticou as medidas intervencionistas ineficaces e o “fume” de Pedro Sánchez, que se viu obrigado a aprobar dous reais decretos de vivenda tras un mediático desafiuzamento e, ademais, “sen informar a Galicia, unha vez máis”.
Para a secretaria xeral do PPdeG, estas medidas “chegan mal e tarde” e son un “refrito” de iniciativas xa aprobadas que o único que fan é “retirar vivendas do mercado do alugueiro e xerar inseguridade xurídica aos propietarios”. Deste xeito, a improvisación do Goberno central “queda evidenciada”, lembrando que a propia ministra de Vivenda non sabía responder as preguntas dos xornalistas sobre os decretos e o retraso da publicación dun deles.
Ademais, Prado lamenta que o BNG apoie estas medidas, “non porque queiran resolver o problema da vivenda ou porque defendan a Galicia, senón por intereses partidistas”. Neste punto, preguntouse que lle pasa ao independentismo galego, xa que hai semanas que a líder dos nacionalistas, Ana Pontón, cuestiona onde están as vivendas prometidas polo presidente Alfonso Rueda e mesmo trata de confundir aos galegos nas redes sociais sobre o número de vivendas construídas en Santiago. “Están moi perdidos. A pena foi que en vez de ir a entrega de vivendas programada polo Goberno galego, a que estaba invitada, en Lamas de Abade, fose ás vivendas do Castiñeiriño, que están en proceso de rematar”, explicou.
Ademais, lembrou que entre as vivendas que visitou Pontón e as que realmente visitou o presidente Rueda, xa son 48, fronte as 24 que aseguraba a líder do BNG. “E só na cidade de Santiago están previstas máis de 430”, recordou Prado. Tamén afeou aos nacionalistas que gobernan no Concello de Santiago que a súa única colaboración na construción de vivenda fose “denegar licencias de obra por entender que había falta de interese público para Galicia, evidenciando que a construción de vivenda non é interese suficiente para o BNG”.
A secretaria xeral lamenta o discurso do BNG do “negacionismo”, seguindo “a orde da UPG de oposición e intentar incendiar o que funciona”. Neste sentido, advirte que os populares estarán “moi atentos” a actividade do BNG para ver se son eles os que están manipulando as plataformas en contra dos Proxectos de Interese Autonómico (PIA), que buscan paralizar a construción de vivenda.
MÁIS DE 4.000 VIVENDAS EN MARCHA
Prado lembrou que en Galicia, o Executivo do presidente Rueda ten máis de 4.000 vivendas pública xa en marcha, no marco do compromiso de duplicar o parque público para chegar a 8.000 fogares antes de que remate 2028, e coa previsión do Pacto de Vivenda 2026-2030 de chegar a 10.000 en 2030.
Máis alá da construción de vivenda, o Goberno galego traballa en medidas como o desenvolvemento de solo para 25.000 vivendas, 20.000 delas protexidas; a aposta pola rehabilitación para destinala a alugueiro accesible; a cualificación indefinida das vivendas públicas e protexidas en solo público, ou a conversión de locais comerciais en fogares, entre outras.