10 de marzo de 2023. A secretaria xeral do PPdeG valorou hoxe a decisión de Valentín González Formoso de presentarse como candidato á alcaldía das Pontes facendo referencia a que o propio PSdeG recoñeceu hai uns días que é incapaz de presentar candidaturas nos 313 concellos galegos: “Hoxe constatamos que nunha alcaldía tan importante como a das Pontes o PSdeG tampouco ten recambio nin equipo para ofrecer aos seus veciños”.
Paula Prado considera que a decisión do actual secretario xeral do PSdeG demostra que “prefire antepoñer os seus intereses persoais e partidistas fronte aos intereses de todos os galegos” e que é “a constatación de que o socialismo galego non é capaz de convencer a ninguén para que asuma o seu liderado”.
“Hai tempo xa que o PSOE falaba de Besteiro como o Messi do PSdeG, polo que estaría ben saber se está eliminado como o Messi do PSdeG ou se segue no banco mentres o señor Formoso continúa quentándolle a cadeira”, engadiu ao respecto.
A número dous dos populares galegos afeou ao líder socialista que non sexa capaz de “poñer orde” nun partido que está en “absoluta descomposición”, facendo referencia así ao “chorreo de dimisións de cargos socialistas en todas as cidades galegas”, á implicación de tres deputados galegos na trama do Tito Berni e ao ‘Caso Cuñada’ que afecta á presidenta do PSdeG, Carmela Silva, e que Prado considera “o maior caso de corrupción de Galicia”.
“A decisión de Formoso demostra sobre todo que non lle ten respecto aos veciños das Pontes, xa que en lugar dun proxecto serio e solvente só lles ofrece este culebrón e a un alcalde a tempo parcial: pola mañá alcalde das Pontes, pola tarde presidente da Deputación da Coruña e á noite secretario xeral do PSdeG”, asegurou.
Prado remarcou que o PSdeG está nun “canellón sen saída” e que os feitos recentes demostran que “nin lles importa Galicia, nin respectan aos galegos”, definindo á formación como “unha mera delegación do sanchismo en Galicia”.
“O próximo 28 de maio os veciños das Pontes terán que escoller entre votar a Pedro Sánchez ou a un alcalde que non se sabe se será alcalde, presidente da Deputación ou secretario xeral do PSdeG”, concluíu.