Santiago, 20 de xuño de 2017.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, asegurou esta tarde no Parlamento que, “se o Fiscal Xeral do Estado estima oportuno e conveniente crear unha Fiscalía Anticorrupción en Galicia, apoiaremos esta decisión” e reiterou a disposición da Xunta de dotar dos medios materiais e humanos que precisase para o seu correcto funcionamento. Neste sentido, Prado manifestou que “se a Fiscalía Anticorrupción tivera competencias en delitos de inxurias e calumnias, estou segura de que tería que crear unha delegación neste Parlamento”.
Paula Prado subliñou que o Grupo Popular “mantén a súa coherencia no noso posicionamento sobre a creación dunha delegación da Fiscalía Anticorrupción en Galicia” e apuntou que esta decisión “ten que determinala a propia Fiscalía Xeral do Estado e non os políticos”. “É curioso que algún grupo que denuncia moito unhas supostas inxerencias do poder político na Fiscalía sexa a segunda vez que propón inxerir desde este Parlamento nas decisións autónomas da Fiscalía”, apuntou.
RESPECTO Á DECISIÓN DA FISCALÍA
“Cando os fiscais do Estado, tanto os nomeados polo PSOE como polo PP, non consideraban necesaria a delegación, nós estábamos de acordo; e agora, cando hai un fiscal que considera oportuno e necesario crear unha delegacio´n da Fiscalía Anticorrupción en Galicia, nós estamos de acordo tamén, porque a decisión é súa e non nosa, e a respectamos sexa cal sexa”, concretou a viceportavoz popular.Así mesmo, Prado considerou “absolutamente falso que non haxa Fiscalía Anticorrupción en Galicia, xa que o Fiscal Anticorrupción do Estado ten competencias sobre a nosa Comunidade autónoma”. Neste sentido, explicou que “o que non hai en Galicia é unha delegación de dita Fiscalía, xa que o Fiscal Xeral do Estado sempre, e baixo diferentes gobernos de diferente cor política, considerou que non se daba o número de casos necesarios que xustificase dita creación”.