A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, sinalou hoxe a importancia de ter gobernos “fortes e estables” para cumprir cos obxectivos que busca o PPdeG: “En resumo, resolver os problemas da xente”.
Prado participou hoxe no Congreso Extraordinario do PP de Ribeira, onde o actual alcalde, Manolo Ruiz, foi proclamado presidente local cun 100% de apoio. No acto de clausura tamén interviñeron o presidente provincial, Diego Calvo, e a vicesecretaria territorial provincial Fabiola García.
“Manolo representa todo o que representa o Partido Popular: cercanía, certeza e estabilidade. E hoxe é moi importante a estabilidade”, subliñou a secretaria xeral, poñendo como contrapunto o Goberno de España, onde “os proxectos, o que realmente lle importa a xente, non está saíndo adiante, e por iso está a inflación disparada ou o combustible disparado”.
Por este motivo, Prado dixo que os afiliados locais son “xente intelixente” elixindo a Manolo como presidente, porque “desde que é alcalde, é unha evidencia que Ribeira creceu”.
“Así somos a xente do Partido Popular: a nós gústanos traballar polos veciños e polas veciñas; e cando unha persoa como el se presenta á Alcaldía, faino para resolver os problemas da xente, única e exclusivamente”, subliñou.
A número dous dos populares galegos tamén fixo fincapé na “verdadeira vocación de servizo público” que teñen os membros do PPdeG. “Para iso é para o que nos elixe a xente: non para xerar máis problemas, non para poñer a ideoloxía por enriba dos asuntos que máis importan”, abundou.
Por último, adiantou que cada concello de Galicia é “un obxectivo” para a formación, e un deles é Ribeira: “Agardamos estar celebrando a maioría absoluta a noite do 28 de maio de 2023, unha maioría absoluta que non só merece o PP, senón todos os veciños e veciñas”.
“Só coa maioría absoluta faranse as cousas que realmente precisa Ribeira”, concluíu Paula Prado, que veu hoxe “un partido unido e motivado” e agradeceu aos presentes o seu compromiso.