Santiago, 20 de setembro de 2019.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que “afrontamos o Debate sobre o Estado da Autonomía coa tranquilidade de saber que o Goberno galego está cumprindo o seu deber, avanzando na solución dos problemas que van xurdindo ao tempo que que planexa o futuro desde unha perspectiva de país”.
Así mesmo, avanzou que “faremos un debate respectuoso coa oposición e coa verdade dos feitos, procurando achegamentos nas cuestións que sexan relevantes para o país”.
Pedro Puy salientou que “a estabilidade do Goberno galego, respaldada polo Grupo Popular, está permitindo mellorar a capacidade de produción deste país, así como o nivel de vida e as prestacións que reciben os galegos”. “Galicia conta cunha estabilidade que nun estado complexo como o noso vese afectada por materias alleas á Comunidade galega, nomeadamente o feito de que levemos catro eleccións en catro anos está distorsionando a capacidade da Administración central de adoptar decisións”.
SEGUIREMOS DEMANDANDO OS 700 MILLÓNS
En concreto, o portavoz popular referiuse ao cumprimento do financiamento autonómico, “un tema grave porque estamos a falar de recursos comprometidos, xa recadados polo Estado pero que non se transfiren á comunidade autónoma”. “Agora parece, a través do anunciado pola prensa, que vai haber unha parte deles que se van transferir, pero desde o PPdeG seguimos demandando a transferencia dos 700 millóns que nos deben”, sinalou.
O portavoz popular lamentou, ademais, que a situación política que se vive a nivel estatal non permite que “se tomen decisións noutros sectores cruciais para o bo desenvolvemento do emprego en Galicia”, como é o caso da nova tarifa para as empresas electrointensivas ou o anunciado peche das centrais térmicas.
“A situación política galega vén moi marcada pola situación política española”, afirmou Puy, quen engadiu que “debemos abordar como podemos capear esta onda de inestabilidade económica que ven dada polas tendencias proteccionistas que se están a dar no mundo e a desaceleración da economía europea, así como o impacto importante do Brexit na economía galega”.
FACER NO FUTURO
Deste xeito, avogou porque o Debate sobre o Estado da Autonomía se centre “nos avances que podemos consensuar a longo prazo e pensar que queremos facer no futuro”, sobre todo en asuntos como a cuestión demográfica, o medio ambiente ou a sostenibilidade das finanzas públicas para poder continuar prestando os servizos públicos.
“Resulta necesario coñecer ben cal é a situación actual, onde están os problemas que ten Galicia hoxe e pensar na Galicia do futuro cun pouco de perspectiva, porque os problemas son dunha dimensión que esixe pensar máis a longo prazo que no día a día”, engadiu.
Respecto das propostas de resolución que saian deste Debate sobre o Estado da Autonomía, Puy reiterou “a nosa disposición para chegar ao maior número de acordos posible sobre asuntos do país, sempre que estean fundamentados e sexan viables”, e puxo como exemplo consensos como o acadado sobre a violencia de xénero ou na loita contra os incendios forestais.